02 Abr 2008 |
Solicitude á Conselleira de Sanidade do cambio de nome do Hospital Juan Canalejo
|
Solicitude á Conselleira de Sanidade do cambio de nome do Hospital Juan Canalejo CRMH Da Coruña. Nota de prensa 04/02/08
Acompañamos a este escrito, Sra. Conselleira, un resume de libros e artigos de opinión, aparecidos en distintos medios de comunicación, que recollen con detalle quen era Juan Canalejo. Podemos atopar referencias aos entrenamentos e prácticas de tiro dos fascistas da Coruña, que dirixía Juan Canalejo, na praia de Bastiagueiro. Coas pistolas asaltaban e tiroteaban as sedes dos partidos demócratas e dos sindicatos, roubando e levando as fichas de afiliación, que foron de moita utilidade para os asasinatos posteriores; coas pistolas acudían ás manifestacións pacíficas e legais para sementar o terror; coas pistolas tentaban rebentar as folgas; pistola en man irrompían nos mitins; coas pistolas detenían á xente, torturaban e daban palizas; e coas pistolas asasinaron a centos de persoas despois do levantamento militar fascista do 18 de xullo de 1936. Estamos, xa que logo, ante a biografía dun pistoleiro (“persoa que usa a pistola para cometer delitos de todo tipo”, segundo o Diccionario Xerais da Lingua), que dirixía todo tipo de accións terroristas contra o réxime legal e constitucional da II República. ¿Que sociedade democrática, cun mínimo de dignidade, pode aprobar ou consentir que unha persoa con estes antecedentes dea nome a un hospital? O 26 de decembro de 2006, o Parlamento Galego aprobaba unha Proposición non de Lei na que se instaba ao goberno galego a retirar progresivamente dos edificios públicos e centros dependentes da administración as denominacións que fagan referencia a figuras ou feitos relacionados co franquismo. E o pasado 26 de marzo de 2008 aprobaba outra Proposición non de Lei na que instaba á Xunta de Galicia a “eliminar de todos os edificios públicos dependentes da súa administración toda a simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da ditadura franquista”. Evidentemente, Juan Canalejo é un deses persoeiros. Esperamos que en aplicación destas resolucións do Parlamento e da lei da Memoria Histórica, a consellaría de Sanidade tome, á maior brevidade, a decisión política de cambiar o nome do Hospital Juan Canalejo. É hora xa de abandonar supostos criterios técnicos ou administrativos para xustificar a situación actual ou retrasar a aplicación das leis. Abórdese o cambio de nome como o que é, unha cuestión política, de xustiza, de dignidade, de recuperación da memoria histórica e de consolidación da democracia. Reciba un cordial saúdo. A Coruña, 2 de abril de 2008. Asdo. Manuel Monge González, DNI 14232518 A Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña Rúa Olmos,16-18, 1º 15003 A Coruña
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|












