31 Mar 2010 |
Admitido o recurso da filla de Millán Astray
|
Admitido o recurso da filla de Millán Astray A filla do fundador da Lexión reclama a reposición da efixie, o nome da praza e as honras concedidas A retirada da estatua de Millán Astray pode ter os días contados. O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 da Coruña abriu esta porta ao admitir a trámite o recurso interposto pola filla do fundador da Lexión contra do acordo municipal de retirar o mole de tres metros de altura que desde fai catro décadas preside a pequena praza do centro da Coruña. Segundo argumenta no seu recurso Peregrina Millán Astray, a estatua non cumpre os requisitos que esixe a lei de memoria histórica para os monumentos do franquismo que deben ser retirado xa que "é allea a calquera exaltación da Guerra Civil de 1936, ao golpe militar ou a represión". A filla de Millán Astray sitúa no punto de mira ao Concello da Coruña, ao que acusa de "aplicación desmedida e ilegal" da lei de memoria histórica porque, segundo apunta, nin a estatua nin as honras foron concedidos por actos comprendidos no período de tempo que fixa a citada lei: entre 1936 e 1975. Por este motivo, Peregrina Millán-Astray reclama a reposición da estatua, o nome da praza e as honras que se lle concederon en 1922 pola fundación da Lexión. O bufete que leva o caso -Urbalega Avogados, dirixido por Ignacio Menéndez González-Palenzuela- calcula que este caso estará resolto nun ano. Esgotada a primeira vía -a do recurso de reposición presentado en xaneiro contra o acordo do Concello de retirar a estatua-, Peregrina Millán Astray pasou á seguinte fase. Trátase dun recurso do contencioso-administrativo contra "a desestimación presunta por silencio administrativo" ao non resolver as súas primeiras alegacións. Segundo argumenta a filla do xeneral golpista, o Concello da Coruña deu a orde o pasado 22 de xaneiro de trasladar aos almacéns municipais do polígono industrial da Grela, a pesar de que a medida adoptada "carecía da correspondente firmeza administrativa" por "non concluír a tramitación do recurso de reposición interposto" ante a Subdelegación do Goberno. "Non debería haberse retirado a estatua cun recurso de reposición polo medio sen resolver. O Concello incumpriu a súa obrigación e adoptou a medida antes de resolver o recurso", advirte o director de Urbalega Avogados. Este recurso do contencioso administrativo, con data de entrada no xulgado número 3 da Coruña, céntrase no motivo aducido polo Concello para retirar a estatua. Segundo a filla do colaborador de Franco, a retirada da efixie de Millán Astray en aplicación da lei de memoria histórica non pode levar a cabo. O motivo? Segundo argumenta, a estatua do fundador da Lexión, a pesar de ser colocada en 1970, foi en conmemoración do 50 aniversario da fundación da Lexión, "o corpo máis laureado do Exército, que segue existindo -apunta o director do bufete de avogados que leva o caso- e que se segue enviando a misións internacionais. "E mesmo incongruentemente o actual destacamento enviado polo Ministerio de Defensa a Afganistán ten o nome de Millán Astray", engade Ignacio Menéndez González-Palenzuela. En canto ás honras concedidas a Millán Astray como fillo predilecto da cidade, o recurso resalta que lle foron outorgados pola corporación municipal da Coruña nos anos 1922 -pola fundación da Lexión "que evitou as baixas de tropas de substitución na guerra de Marrocos"- e 1923 -pola entrada da Lexión en Melilla liberando a praza cando estaba asediada-. Baixo estes argumentos, a filla de Millán Astray reclama a reposición da estatua, o nome da praza e o recoñecemento das honras concedidas ao fundador da Lexión. Nun ano, decidirase o futuro da efixie da céntrica praza coruñesa.
Comentarios (1)
1
Mércores, 31 Marzo 2010 17:15
beto
Que se pode agardar dunha transición falida na que permaneceron os xuíces que xuraran fidelidade ao ditador...
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|












