O chofer do "Caleyu"

O chofer do "Caleyu"

O ceo encapotado ameazaba con soltar a súa carga de orbayu sobre os tellados da vila de Avilés. Desde o balcón do Concello as máis altas autoridades do Consello Soberano escudriñaban as alturas, uns buscando indicios de choiva que udiera deslucirel desfile previsto e outros medorentos de que fixese acto de presenza a temida aviación fascista, raíña absoluta dos ceos ante a cal nada podían facer os escasos aparellos que aínda servían baixo a insignia tricolor. Multitude de veciños ocupaban os soportais esperando ver o pasar dos milicianos, os heroes da fronte oriental, que tan encarnizadamente resistiron as arremetidas das brigadas navarras, os regulares e a lexión Condor. As brigadas de Carrocera e Manolín Alvarez.


Desde o Concello, engalanado con bandeiras tricolores, Belarmino Tomás, escoltado polos principais mandos militares do Exército Popular de Asturias, Prada, Galán, Ibarrola e Ciutat observaba o paso das primeiras unidades. A poboación, observaba o desfilar con paso firmes daqueles homes que, no último mes, disputaran monte a monte todo o oriente asturiano. Os mesmos milicianos que defenderon Covadonga até o final. Homes novos na súa maioría, curtidos polo traballo e máis dun ano de guerra. Soldados que aprenderon a loitar desde as mesmas trincheiras. Era un orgullo velos desfilar, pero a ninguén se lle escapaba que, día tras día, en Avance falábase de rectificacións de liñas, perdas de poboacións, ataques nocturnos e retiradas que lle custaban numerosísimas baixas ao inimigo pero retiradas á fin e ao cabo. Xa ninguén cría que a fronte asturiana resistise. A aviación da Cruz de San Andrés era dona do ceo e na mar, axexando os portos víanse os buques de guerra nacionais navegando sen oposición. Bilbao, Santander. Estaban sólos e Madrid quedaba moi lonxe. Todo era cuestión de tempo.

Algunhas das unidades que desfilaban non tomaran parte activa nos combates do oriente. Ocupadas en funcións de retagarda ou retidas no cerco a Oviedo pasaran a maior parte do último ano inmersas nunha guerra de trincheiras só rota por ocasionais ofensivas mal planificadas e mal executadas que non servían para outra cousa que consumir os escasos recursos e castigar os maltreitos batallóns sen obter a cambio maiores beneficios estratéxicos que algún pequeno monte ou lomba á que trasladar novas trincheiras. Entre estas unidades figuraban os blindados do batallón de Carros de Asalto. Un deles, un "tiznao", un estraño artefacto de aceiro montado sobre o chasis dun camión froito da imaxinación dos traballadores dalgún taller, de nome Avelino Alonso "o Caleyu". A bordo, entre a súa numerosa dotación, Manuel González Costais conducía o blindado polas rúas abarrotado de civís e milicianos, afeito xa, tras moitos meses de práctica, a súa 'especial' maniobrabilidade.



Dotación do blindado "O Caleyu". Manuel González Costales é o 2º pola dereita.

Angustiados pola calor e a humidade que se condensaba dentro, mantíñanse abertas todas as portas e troneras. A través delas, cos seus ollos buscaba entre as filas de soldados homenaxeados a un dos seus irmáns menores, Corsino, un sarxento do batallón 237 "Piloña" da brigada de Manolín Alvarez. Supuña que o tamén o buscaría coa mirada cando se cruzasen.

Á vista dos miliciano lembrou Manuel o mes de Xullo do pasado ano cando, tras chegar as noticias do alzamento do Exército de Africa, seguindo consígnalas da C.N.T. na que levaba anos militando, presentouse voluntario para tomar parte na toma dos cuarteis xixoneses. Apenas pasaran dous días cando xa estaba encadrado entre as milicias que, desorganizadas e con máis entusiasmo que medios, mantiñan asediados ás tropas sublevadas dos cuarteis do Coto e de Simancas. Foron días duros, nos que se combatía seguindo máis a propia iniciativa que obedecendo a un esforzo común. Lembraba os bombardeos case diarios do Cervera, o "chulo do Cantábrico" que, sen apenas oposición, bombardeaba Xixón en defensa dos asediados.

Lembraba aqueles días nos que a fé no triumfo era imparable. Caeu o Coto, caeu Simancas. Oviedo custaría máis pero estaba ao alcance da man. Chofer de profesión non tardou en atoparse ao volante dos primeiros camións blindados, encadrado na 1ª Cía 1ª Sección do Batallón de Carros de Asalto. Trastes apresuradamente recubertos de ferros que se untaban de graxa para que as balas escorregasen. Ao principio parecían funcionar pero en canto a artillaría entrou en xogo pronto foron presa fácil. Non estaban deseñados para o combate, non podían combater contra posicións a campo través. Pronto quedaron relegados a unidades de apoio á infantaría, cunha función máis de apoio moral que de soporte efectivo do esforzo bélico. Nada que ver cos blindados rusos que chegaron máis tarde. Nada que ver cos blindados que tiña o inimigo. Tamén é verdade que ninguén sabía como empregalos. Se desperdigaron por todos os sectores da fronte ao redor de Oviedo sen chegar nunca a combater en conxunto, pero iso non era cousa súa, o sólamente era o chofer.



O "Casimiro Velasco" destruído durante a ofensiva contra Oviedo de Novembro do 36.

Acordouse daqueloutro blindado no que serviu, a "Pantasma", un traste máis grande e vulnerable aínda que tiña serios problemas para  manobrar polas estreitas estradas asturianas. Un a mole de aceiro que impuña ao profano pero que non inquietaba o máis mínimo a un inimigo ben atrincheirado e ben armado.



Blindado "Fantasma"


As tropas de milicianos seguían desfilando ante o concello. Escoitábanse aplausos, aclamacións, vivas ao exército do pobo e morte ao fascismo. Seguía sen ver ao seu irmán entre a multitude.

Firmemente comprometido coa causa libertaria acordouse daquel Congreso Nacional da C.N.T. en Zaragoza, en 1935. Eran máis de 10000 delegados. Acordábase como o seu irmán, Corsino, acompañoulle. Facía pouco que se afiliou pero xa conseguira ser elixido como delegado por Xixón dos obreiros do seu gremio. A República atopábase en momentos difíciles, coa dereita no poder tentando sabotear desde dentro o propio sistema. Aínda sangraban as feridas do 34 pero en poucos meses habería novas leccións e, agrupadas baixo a Fronte Popular, as organizacións progresistas esperaban recuperar o control do goberno. Non eran tempos fáciles. Estes tampouco. Ningún o foi, como tampouco cando, illados do resto da España Republicana, acudiu ao Congreso da C.N.T. para os territorios de Asturias, León e Palencia. Xa por entón o fué como delegado do Batallón de Carros de Asalto. Era dos máis veteranos da unidade aínda que apenas excedese os 30 anos, pero non debía a súa elección simplemente á idade. De pequena estatura aínda que fornido, destacaba pola súa conciencia de clase e a súa adhesión aos principios libertarios.

De súpeto, entre o barullo do xentío ouviuse unha explosión. Os civís comezaron a correr. Os milicianos tomaron as súas armas. O desconcerto apropiouse de todos os presentes. No concello, o Presidente do Consello Soberano, Belarmino Tomás, sacou o seu revolver e ameazando ao aire comezou a soltar ameazas. Entre as voces disonantes da maioría ouvíuselle baballoar contra os inimigos do pobo emboscados, aos cales non dubidaría en castigar. O seguinte que se escoitou foi un ruído, familiar, un disparo. Os civís seguían correndo en busca de refuxio, mesturados cos milicianos. Outro ruído, outro disparo. Despois o caos. Os milicianos, coas súas armas comezaron á brir lume. En todas partes víase francotiradores apostados. Os facciosos que durante meses viviran escondidos saían detras de cada esquina, detrás de cada xanela, e abrían fogo contra os valerosos homes que loitaron nas Peñamelleras.



Xornal que recolle a noticia do desfile sen facer mención ao incidente.


Non se sabe canto durou o combate. Cando comezou a reestablecerse a orde moitos corpos xacían tendidos polas rúas. Algúns eran civís, outros combatentes. Desde o seu blindado, coas portas abertas, Manuel observaba como se ía acabando todo, como se desintegraba a retagarda. Unha calor húmida corría polo seu corpo. Era sangue. A súa. Pola ferida da bala amiga saíalle o sangue a gallarón e con ela íaselle a vida. Non puidera ver ao seu irmán. Sabía que xa non o vería. Nin a el, nin á súa muller e o seu fillo que loitaban a guerra do día a día en Xixón. Aquel 4 de outubro de 1937, para Manuel González Costais, o chofer de "O Caleyu", acabaría a guerra.



Outra imaxe do "Caleyu" sen Manuel González Costales.


P.S.- Non houbo francotirador, non houbo quintacolumnista emboscado. Só medo e nervios a flor de pel. E unha granada pouco firme no correaje dun soldado durante o desfile. Un accidente. A histeria fixo o resto.

 

Usted está aquí: Home Simboloxía franquista Artigos O chofer do "Caleyu"

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

r/ Olmos 16 - 18 1º - 15003 A Coruña

T. 981 200869

Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.

Poemas da memoria

>