04 Feb 2010 |
O alcalde debería seguir o exemplo da ministra de Defensa
|
O alcalde debería seguir o exemplo da ministra de Defensa ¿A QUE ESPERAN PARA RETIRAR O ESCUDO FRANQUISTA DO CONCELLO DA CORUÑA?
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña saudamos a boa noticia de que non estea exposto ao público o escudo franquista da Comandancia Militar, quince días despois de que fose reclamada a súa retirada pola CRMH, en escrito enviado o pasado 22 de xaneiro á ministra de Fomento. Esperamos que a ministra Carme Chacón continúe co seu traballo, retirando os dous escudos franquistas da fachada do cuartel de Atocha e a única placa que queda en España de homenaxe aos golpistas: placa de exaltación do militar Cánovas Lacruz que se levantou en armas contra a orde constitucional en 1936, e que está situada nun lateral de Capitanía.
Non entendemos que despois dos pasos que está a dar o ministerio de Defensa, aínda continúe un escudo franquista na vidreira da escaleira principal do palacio municipal de María Pita, recibindo aos visitantes deste xeito tan vergoñento para A Coruña. O Alcalde debería seguir o exemplo da actual ministra de Defensa -ordenou a retirada do escudo franquista dunha vidreira da Academia de Infantería do Exército de Terra de Toledo- e non perder máis tempo, encargando informes técnicos, absolutamente improcedentes. Estamos ante un tema político e non técnico. O Alcalde debe tomar xa a decisión política de ordenar a retirada dese escudo franquista porque é ilegal desde 1981, e non se pode tardar case 30 anos en cumprir unha lei. Por outra parte, ¿a que espera o concello para retirar a placa “Praza de Millán Astray” para ser substituída por “Praza do cuartel de Atocha”, e a restituír a histórica “rúa do Socorro”, hoxe ocupada por “Juan Canalejo”?
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|













