A estatua de Millán Astray será retirada malia o preito da filla O arquitecto que deseñou a reforma da praza asegura que a eliminación da efixie do falanxista permitirá liberar o espazo O Concello da Coruña seguirá adiante coa reforma da contorna da Praza de España que fará desaparecer a estatua de José Millán Astray, fundador da Lexión e colaborador activo de Franco durante a ditadura. A Concellería de Vivenda e Rehabilitación Urbana, que dirixe o nacionalista Mario López Rico, confirmou a Xornal de Galicia que a efixie desaparecerá este ano. Así é que manteñen os prazos para eliminar esta imaxe –en cumprimento do acordo para a supresión da simboloxía franquista na cidade– malia o proceso que a filla do militar iniciou a semana pasada para impedir a retirada.
A concellería indicou que o recurso de Peregrina Millán-Astray non vai afectar á execución das obras, que foron contratadas o pasado mes e que deben finalizar neste ano. A remodelación da praza de España e os seus arredores –que inclúen a Praza de Millán Astray, que tamén mudará de nome– contemplan a desaparición da efixie, situada dende 1970 fronte ao cuartel de Atocha, detrás da Casa do Concello. A filla do falanxista presentou un recurso de reposición diante da Subdelgación do Goberno o día 30 de decembro alegando que non se lle deu audiencia aos familiares, o que considera un “defecto procedimental” polo que pide “a nulidade dos acordos relativos á estatua, praza e honores”. Peregrina Millán-Astray iniciou así un proceso administrativo que rematará nos tribunais se non obtén resposta do Goberno local.
UN “GRANDE ESPACIO ABERTO”
Felipe Peña, un dos arquitectos que firma o proxecto de reforma da praza de España que se executará este ano, explica que na actualidade a estatua “enche demasiado o espazo libre, polariza a praza e tapa un pouco o cuartel de Atocha”, un edificio que a reforma realzará e que Peña considera “un dous máis importantes e menos valorados da cidade”. Engade que a eliminación da figura creará “un grande espacio aberto de uso peonil” no que gañarán protagonismo as árbores e o mesmo cuartel, algo que o arquitecto considera importante especialmente porque “é probable que en pouco tempo pase a uso civil, xa que está pouco utilizado”.
A reforma comunicará a agora Praza de Millán Astray coa de España nun paseo vedado ao tráfico co espírito de recuperar a configuración da antiga Praza da Leña, da que desaparecerá o nome e a figura da personaxe á que se lle atribúe a frase “¡Viva la muerte! ¡Muera la inteligencia!” nun episodio de enfrentamento co filósofo Miguel de Unamuno no ano da Guerra Civil, 1936, un alzamento militar do que Millán foi protagonista.
O Concello mantén que cumprirá tódos os acordos aprobados no pleno do pasado setembro para a eliminación a simboloxía franquistas en aplicación da Lei da Memoria Histórica. É dicir, a retirada de 53 símbolos do réxime, incluídos 22 nomes de rúas, a estatua de Millán Astray e honores como o de Fillo Predilecto a personaxes como o creador da Lexión e o propio Francisco Franco. Tanto a filla única de Millán como a Asociación de Veteranos da Lexión da Coruña argumentan que os honores non se lle concederon polo seu papel no Franquismo, senón por fundar en 1920 un corpo militar que aínda está en activo e que a estatua se construíu na etapa democrática. O Concello cre que a imaxe está fóra de lugar e que encarna “valores caducos”.
|