20 Nov 2009 |
Presentan a significados falanxistas como coruñeses de pro, coruñeses de toda a vida
|
Presentan a significados falanxistas como coruñeses de pro, coruñeses de toda a vida A extrema dereita da Coruña aínda defende o franquismo; por iso cando o Pleno da corporación municipal do 7 de setembro de 2009 aproba a retirada de máis de 50 símbolos franquistas, saíu en defensa de significados fascistas, esixindo que non se retiren os seus nomes das rúas, nin as distincións honoríficas. Así, o portavoz municipal do PP, Carlos Negreira, facía unhas declaracións públicas, cualificando a Millán Astray como un coruñés de pro, un coruñés de toda a vida. Nesta fronte común, que defende tamén a figura de Juan Canalejo, participan, ademais do PP, Falanxe Española e Unión Coruñesa.Os nomes das rúas, as placas, os monumentos, as distincións honoríficas, implican un recoñecemento social, unha homenaxe da cidade a determinadas persoas, un elemento de educación cívica, un exemplo a seguir. É evidente que Millán Astray e Juan Canalejo non merecen distinción algunha e son un pésimo exemplo para a cidadanía. Como moi ben dicían tres historiadores no informe elaborado, a solicitude do concello de Santander, para a eliminación da simboloxía franquista: “Os nomes das rúas e dos monumentos que nelas se atopan non son meros elementos decorativos neutros e sen significado social. Pola contra, foron colocados para recoñecer o mérito de alguén ou para exaltar principios ou valores. Estes nomes e monumentos, como arquivos vivos da memoria que son, serven eficazmente para crear e manter en moitas ocasións unha conciencia histórica, e constitúen un dos medios máis destacados e efectivos de educación moral e política da cidadanía”.
A Lei da Memoria Histórica sinala no seu artigo 15: “As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. Debemos lembrar que estas rúas, distincións ou mencións conmemorativas concedéronse durante a Ditadura e como recoñecemento aos servizos prestados á mesma, é dicir a un “réxime criminal”, tal e como o definiu a ONU en decembro de 1946.
A Coruña non pode esquecer a represión franquista, porque un pobo sen memoria é un pobo sen futuro e está condenado a cometer os mesmos erros. No escrito enviado a Kofi Annan, Secretario Xeral das Nacións Unidas, o 24 de xaneiro de 2005, e asinado por distintas organizacións lembrábase a cualificación do franquismo español como réxime criminal, que facían as Conferencias de Potsdam e San Francisco. Dicían estas organizacións que “Cómpre que non se equipare, nun discurso perverso, o concepto de xustiza ao de vinganza, pois isto posibilitaría que se considere o esquecemento como unha das bases do estado social de dereito. Ningunha sociedade pode sobrevivir ao descoñecemento da súa propia historia, por horrible que esta sexa”. E sobre a situación das vítimas da represión franquista, sinalaban: “A pesar dos anos transcorridos, calquera que se acerca a esta cuestión atópase coa deixación por parte do Estado da cuestión das vítimas, da memoria e dos dereitos humanos. E é precisamente desde o discurso dos dereitos humanos desde o que se pode facer fronte á situación concreta e esixir ao Estado a xustiza necesaria para poñer fin á situación de desmemoria, deixación e impunidade a que se reduciu esta cuestión de forma, moitas veces, intencionada”. A supresión da simboloxía franquista é, xa que logo, un acto de recuperación da memoria, un acto de xustiza e –como sinala o citado documento, enviado a Kofi Annan-: “A nosa acción está motivada en non esquecer nunca o ocorrido e en lembrar sempre a aqueles que deron a súa vida para defender a nosas liberdades”.
Ofrecemos á cidadanía coruñesa unha breve biografía destas personaxes para que poidan coñecer mellor quen eran e por qué o Pleno da corporación municipal acorda suprimir a praza do xeneral Millán Astray, retirar o seu monumento e o título de Fillo Predilecto da Coruña; suprimir a rúa Juan Canalejo –anteriormente a Xunta de Galicia cambiou o nome do hospital- e retirar os títulos de Fillo Predilecto e Concelleiro Honorario.
José Millán-Astray y Terreros (1879-1954)
Naceu en A Coruña o 5 de xullo de 1879 e morreu o 1 de xaneiro de 1954. Fundador da Lexión (Tercio de Estranxeiros) en 1920. Acórdase dedicarlle unha praza no Pleno de 25 de marzo de 1954.
Forma parte do núcleo duro dos militares –xunto con Franco, Mola, Sanjurjo, Alonso Vega, Yagüe, etc.- que organizaron o Golpe de Estado contra o réxime constitucional da II República o 18 de xullo de 1936.
Participou activamente nos movementos internos que culminarían o 29 de setembro de 1936 coa proclamación de Franco como Caudillo, Xefe de Estado e Xeneralísimo. Despois do trunfo do fascismo en 1939, foi nomeado responsábel de Radio, Prensa e Propaganda da Ditadura, ensalzando a figura de Franco como Caudillo e salvador invencible da patria.
É célebre o altercado que mantivo no paraninfo da universidade de Salamanca con Miguel de Unamuno, que era o rector, o 12 de outubro de 1936, con motivo da celebración da Festa da Raza. Millán Astray, que estaban na presidencia –xunto co arzobispo de Salamanca, Enrique Pla y Deniel, Carmen Polo, esposa de Franco, e o gobernador civil- berrou “¡Muera la inteligencia! ¡Viva la muerte!”. Unamuno dicía no seu discurso: “Este es el templo de la inteligencia, y yo soy su sumo sacerdote. Estáis profanando su sagrado recinto. Venceréis, porque tenéis sobrada fuerza bruta. Pero no convenceréis. Para convencer hay que persuadir, y para persuadir necesitaréis algo que os falta: razón y derecho en la lucha. Me parece útil el pediros que penséis en España. He dicho” (Recollido por Hugh Thomas na súa obra La guerra civil española).
Pronunciaba un encendido discurso na praza de María Pita da Coruña o 6 de setembro de 1936, que remataba así: “Muera el nacionalismo separatista. Los judios moscovistas querían encadenar España para convertirnos en esclavos, pero hemos de luchar contra el comunismo y el judaísmo. ¡Viva la muerte!”.
En 1941, cando tiña 62 anos, anulou o seu matrimonio –casara en 1906 con Elvira Gutiérrez de la Torre, filla dun xeneral- e casou con Rita Gasset, que tiña 35 anos; esta quedara embarazada e foi tal o desgusto de Franco que o mandou a vivir a Lisboa para evitar o escándalo.
Millán Astray era un fascista convencido que, segundo o historiador Paul Preston, contribuíu ao ideario violento da extrema dereita española. Relata este historiador algunhas anécdotas sobre a crueldade con que, ás veces, actuaba a lexión: “El batallón aguardaba la inspección con cabezas moras clavadas en las bayonetas”.
A Comisión de expertos que aprobou, por unanimidade, a retirada da simboloxía franquistas, sinalaba sobre Millán Astray: “Xeneral sublevado contra a democracia republicana, moi activo durante a guerra civil como xefe de Prensa e Propaganda do novo réxime franquista. Ao estalar a guerra civil española estaba en Arxentina, pero coñecedor da conxura militar e do golpe de Estado, regresou rapidamente a España, poñéndose á ordes do seu antigo subordinado e amigo persoal, o xeneral Francisco Franco. Nunha viaxe a Italia en 1938 afirmou que ´España pronto terá unha vitoria e será unha merecida vitoria fascista. Fascismo, nacional-socialismo e falanxismo son no fondo a mesma cousa´. Unha vez rematada a contenda, ascendido a xeneral honorífico de división, foi, entre outros cargos, Procurador en Cortes por designación directa do mesmo Francisco Franco”.
Juan Canalejo Castells (1897-1936)
De profesión militar, retírase cando chega a República, acolléndose á Lei Azaña. En 1993 funda a Falanxe en A Coruña e en 1936 é Xefe Territorial das Milicias de Falanxe Española e das JONS de Galicia. Encadrado no sector máis radical, organiza dentro de Falanxe o grupo chamado Primeira Liña, caracterizado polo uso da violencia. Juan Canalejo era un pistoleiro –“persoa que usa a pistola para cometer delitos de todo tipo”, segundo o Diccionario Xerais da Lingua- e o seu grupo participou en numerosos actos terroristas e delictivos; por este motivo varios dos seus compoñentes foron detidos e encarcerados.
Acórdase dar o nome de Juan Canalejo á rúa Do Socorro no Pleno de 30 de decembro de 1938, “en atención a las persecuciones sufridas y méritos contraídos por el fundador de la Falange en esta capital, cuyo nombre no puede ser olvidado por ningún coruñés entusiasta del Glorioso Movimiento, que debe ir en la memoria de todos, inmediatamente después del inmortal José Antonio Primo de Rivera”. Foi declarado Fillo Predilecto e Concelleiro Honorario por acordo municipal de 5 de novembro de 1943.
Despois de proclamarse a II República, Juan Canalejo foi detido e estivo no cárcere da Coruña polas actividades de Falanxe: colocar unha bandeira de Falanxe no local de Esquerda Republicana de Ferrol; asaltar o Casino Republicano da Coruña o 1 de novembro de 1934, colocando unha bandeira de Falanxe no lugar da republicana. Está documentado que actuaban contra traballadores en folga, asaltaban as sedes dos partidos políticos, levando os carnés de afiliados, que despois utilizaron para asasinalos; rebentaban os mitins, como o celebrado polo Presidente Azaña na Coruña etc. Esta actuación delictiva e terrorista era recollida nos xornais da época. Despois do triunfo electoral da Fronte Popular nas eleccións de 16 de febreiro de 1936, aparecía co titular: Un hecho incalificable cometido con un vendedor de periódicos, e con este texto: “Emilio Veira, vendedor de El socialista y Mundo Obrero, fué llevado con argucias a una casa de la calle de la Barrera, donde está instalado el Centro de Falange. Otro muchacho, llamado Avelino Méndez Núñez, le llevó a un piso, donde un oficial de la Reserva, llamado Juan Canalejo, le amenazó con una pistola y el obligó a tomar una gran porción de aceite de ricino y gasolina con polvos de jalapa (planta cuxas raíces conteñen unha resina de propiedade purgativas). El infeliz muchacho se encuentra muy grave en el hospital”. (publicado en El Pueblo Gallego de 18-2-1936).
A Falanxe xogou un papel fundamental na represión fascista e no asasinato de centos de persoas na comarca da Coruña. Antes do golpe militar de xullo de 1936, Juan Canalejo foi detido en Madrid con outros dirixentes falanxistas, cando organizaban un levantamento violento contra a República. Foi asasinado en Paracuellos, despois dunha saca de presos do cárcere, que foi repudiada polo Goberno da República.
O informe da Comisión de expertos para a eliminación da simboloxía franquista, aprobado por unanimidade, dicía sobre Juan Canalejo: “Foi o fundador da Falanxe coruñesa no ano 1933, organizador das milicias armadas falanxistas en A Coruña previamente á sublevación militar, co claro obxectivo de derrubar o réxime republicano. Xefe Territorial das devanditas Milicias falanxistas, implicado na conxura previa á devandita sublevación militar”.
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|












