20 Xan 2012 |
O bipartito de Lugo rexeita que Fraga dea nome a un auditorio
|
O bipartito de Lugo rexeita que Fraga dea nome a un auditorio O PP de Lugo sumou unha nova proposta de distinción a Manuel Fraga tras a iniciativa para que dedicarlle unha rúa ao fundador do partido. O portavoz dos populares no Concello, Jaime Castiñeira, pediu onte que se bautice co seu nome o auditorio que se constrúe na cidade e que, segundo os prazos da Xunta, podería estar terminado en 2014. "Hai xa moitas cidades en España co nome de Don Manuel e Lugo non se pode quedar atrás nin moitísimo menos", defendeu Castiñeira, quen lembra que a cidade é a capital da provincia onde naceu Fraga. O PP reclama unha "homenaxe" de Lugo a Fraga por "as numerosas dotacións que impulsou no municipio" e por ser "un extraordinario intelectual". A proposta provocou a reacción, entre crítica e irónica, do PSOE e do BNG. O alcalde lucense, o socialista Xosé López Orozco, que si se mostrou disposto a dedicar unha rúa ao fundador do PP, replicó aos populares que "o futuro auditorio ten máis necesidade de diñeiro que de nomes", en alusión á Administración que financia a obra en marcha, a Xunta. Para o Bloque, bautizar o futuro recinto co nome de Fraga é unha "ocorrencia". "Postos a facer apología do nome de Manuel Fraga, eu recomendaríalles que o propoñan para o Nobel da Paz, ten tantos méritos para ese premio como para o Auditorio de Lugo", afirmaba o tenente de alcalde da cidade, o nacionalista Antón Bao. "Será que non hai destacados personaxes da cultura de Lugo ou de Galicia para porlle ao auditorio Manuel Fraga", engadiu. Á proposta do PP de Lugo tamén se opón a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que lembra que o expresidente da Xunta foi ministro durante a ditadura de Franco. "A Lei da Memoria Histórica fala de protexer aqueles espazos públicos para que non representen a quen formaron parte dun réxime que negou e secuestrou a democracia durante corenta anos", terza o presidente da entidade, Emilio Silva. Silva cre que dedicar o auditorio a Fraga atentaría contra as vítimas da represión franquista. "Un espazo público debe estar dedicado a alguén que fixo algo polo ben común non a quen sostivo un réxime onde non existían liberdades", explica o portavoz da asociación. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|












