30 Dec 2011 |
Concello de Lugo revisará a posibilidade de retirar as honras a Franco
|
Concello de Lugo revisará a posibilidade de retirar as honras a Franco Continúa sendo "alcalde honorario" a pesar de que foron aprobados varios acordos plenarios para quitarlle esas mencións O Concello de Lugo revisará a posibilidade de retirarlle a Francisco Franco as distincións que lle outorgou a institución municipal en tempos da ditadura, porque continúa sendo "alcalde honorario" da cidade e "rexedor perpetuo" da mesma, a pesar de que foron aprobados varios acordos plenarios para quitarlle esas mencións honoríficas. Confirmouno esta mañá o alcalde de Lugo, José López Orozco, quen explicou que "o anterior secretario dicía que cando unha persoa morre, con el desaparecen os títulos que ostenta, pero como vexo que na Deputación foi posible facer outra cousa, falarei co novo secretario para ver que se pode facer". O rexedor local referíase á votación que tivo lugar esta mesma semana na Deputación de Lugo para retirarlle a Franco e á Falanxe as distincións honoríficas, que saíu adiante co apoio de socialistas e nacionalistas, pero que non poderá facerse efectiva pola abstención do PP, dado que era necesario un acordo unánime. López Orozco dixo que os membros do PP terán que explicar "por que o fixeron", dado que "non ten sentido ningún". "Non merece eses títulos. Todos sabemos que Franco foi un ditador e polo golpe de estado que deu en contra dun goberno lexítimo, sufriu moito este país, e en Lugo temos a cinco mil acodes represaliadas", concluíu. Franco foi nomeado alcalde honorario da cidade de Lugo en dúas ocasións, en 1939 e en 1942, e rexedor "perpetuo" en 1954, distincións que nunca lle foron retiradas, a pesar de que o BNG presentou varias mocións, sempre coincidindo co aniversario da súa morte, por considerar que son "unha cuestión anacrónica e inaceptable en democracia, que vai en contra da Lei de Memoria Histórica". Os nacionalistas opinan que non se trata de "facer revisionismo da historia", senón de "normalizar a vida democrática", porque esas referencias teñen que estar "nos libros" pero non "presidindo unha corporación". Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que promoverá un cambio do regulamento de Honras e Distincións da institución, para levar de novo este asunto a pleno e retirarlle a Franco esas distincións, sen necesidade de contar co apoio unánime da Corporación. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|












