A Coruña aproba a eliminación da simboloxía franquista UN DÍA HISTÓRICO
Valoración de Manuel Monge, presidente da CRMH da Coruña e membro do grupo de expertos que elaborou o informe
A aprobación polo Pleno da corporación municipal da Coruña da eliminación de 53 símbolos franquistas é un feito histórico, un triunfo da democracia e un acto de xustiza con todas aquelas persoas que sufriron represión por defenderen a democracia, a constitución e a República; faise como un acto de normalidade democrática e sen ningún tipo de espírito revanchista.
Este acordo plenario é posible porque o 31 de outubro de 2007 o Congreso aprobaba a Lei da Memoria Histórica, pero, sobre todo, porque existe un novo goberno municipal, despois de 24 anos de maioría absoluta do PSOE. Hai que celebrar este cambio de rumbo do Goberno municipal que, durante moitos anos, non só votaba co PP contra todas as iniciativas para facer xustiza e recuperar a memoria histórica –como retirar ao ditador Franco as distincións honoríficas ou eliminar das nosas rúas ás persoas golpistas, que reprimiron ao pobo- senón que negaba a propia existencia da simboloxía franquista.
Non podemos caer no conformismo; agora debemos centrarnos en homenaxear ás vítimas do franquismo –máis de 800 persoas foron asasinadas polos fascistas na comarca da Coruña, despois do golpe militar de 1936- e continuar coa aplicación da Lei da Memoria Histórica.
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña lamentamos que non se aplique na súa integridade as propostas contidas no informe da grupo de expertos, e que na planta nobre do palacio municipal de María Pita continúen, de momento, os retratos dos dous primeiros alcaldes franquistas –José Fuciños Gayoso e Hernán Martín Barbadillo- que participaron activamente na represión criminal de moitos demócratas e republicanos. O argumento, manifestado polo concelleiro Carlos González Garcés, de que eses retratos non fan máis que recoller un feito –que foron alcaldes- é impresentable; seguindo con ese criterio habería que manter tamén os retratos do ditador Franco, que foi Xefe do Estado.
Hai que proceder á retirada do escudo franquista da vidreira da escaleira principal de María Pita, que é ilegal desde 1981. Non ten ningún sentido retrasar a súa retirada, solicitando informes técnicos; hai que aplicar a lei e facer o mesmo que a ministra de Defensa, Carme Chacón, que ordenou recentemente a retirada do escudo franquista da vidreira do comedor de gala da Academia de Infantería do Exército de Terra en Toledo.
A Coruña non pode manter a rúa dedicada a Xosé Calvo Sotelo –foi denunciado nas Cortes polo coruñés Santiago Casares Quiroga, Presidente do Consello de Ministros, como instigador do golpe militar do 18 de xullo de 1936- que nos últimos meses foi retirada polo PSOE en numerosas cidades e polo PP en Curtis.
É unha incongruencia que se retire a distinción honorífica de Fillo Adoptivo da Coruña a oito ministros de Franco, e se manteña a Manuel Fraga, que tamén foi ministro de Franco e, como tal, recibiu esa mesma distinción en 1968.
É un auténtico despropósito manter a rúa franquista de Disciplina –creada polos fascistas no primeiro Pleno municipal despois do golpe militar de 1936- e trasladar o seu nome tradicional de Liberdade, que está vinculado desde hai cen anos ao barrio de Monte alto, a Vioño, a un lugar onde hoxe non vive ninguén.
A Coruña, 7 de setembro de 2009
Asdo. Rubén Afonso Lobato, responsable de Comunicación.
|