Salvade ao soldado Fraga  Está a librarse a Batalla da Coruña para a aplicación da Lei da Memoria Histórica e venme á memoria a película Salvar ao soldado Ryan. Aquí tamén, no fragor dos combates, está con serias dificultades un ministro da Ditadura franquista, e o mando dos exércitos aliados –PSOE e PP, porque no concello da Coruña sempre votaron o mesmo neste tema durante moitos ano– xa transmitiu ao comando de “expertos” un obxectivo claro: Hai que salvar ao soldado Fraga.
Cando comezaron os primeiros combates, hai xa cinco anos, o exército aliado PSOE-PP, dirixido polo xeneral Vázquez, daba a batalla por gañada e así rexeitaron con toda facilidade –un auténtico paseo militar– todos as propostas que presentaba, en forma de moción, o grupo municipal do BNG –por certo, eran definidos como iluminados, revanchistas, intoxicadores, manipuladores, mentes enfermizas, inimigos da tolerancia e da convivencia...- para retirar a Franco as distincións honoríficas e acabar coas rúas e a simboloxía franquista. A resposta sempre era a mesma: aquí non hai simboloxía franquista, senón simboloxía histórica, que hai que tolerar e conservar.
Mais hoxe as tropas aliadas están desmoralizadas e en franca retirada, sobre todo despois de que un “experto” desculpase a Fraga, declarando que non participou no Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e que só era un tecnócrata, administrador ou servidor ministerial. Animados pola vitoria na Batalla do hospital Juan Canalejo e pola vitoria parcial da declaración do pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC), as tropas da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña están conseguindo sumar novos efectivos e reforzar as súas posicións con numerosos apoios. A loita é encarnizada porque este exército de dignidade ten enfronte a un poderoso inimigo: o pacto de silenzo da Transición. Aquí non está soamente en xogo quitarlle a Fraga o título de Fillo Adoptivo, que recibiu, como ministro da Ditadura, o 24 de decembro de 1968; está cuestionada unha Transición, definida como modélica pola propaganda oficial, que esqueceu ás vítimas da represión dunha Dutadura, que foi definida pola ONU como un réxime criminal.
Xa fixemos moitas concesións; xa retrocedemos bastante; cómpre unha potente ofensiva cívica, levantando a bandeira da liberdade, da democracia e da dignidade; é a hora de propagar aos catro ventos verdades como puños: é unha vergoña que A Coruña sexa hoxe a capital da simboloxía franquista; non queremos a Franco e aos ministros da Ditadura como fillos adoptivos; tolerancia cero co franquismo.
Fraga, con 35 anos de servizos á Ditadura franquista, non pasaba por alí, senón que estaba sentado na mesa dun Consello de Ministros e era partícipe e cómplice de toda a política represiva que alí aprobaban: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despidos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación, asasinatos de traballadores como en Ferrol en 1972 ou en Vitoria en 1976, sendo Fraga ministro da Gobernación.
Como na película de Spielberg –onde o soldado Ryan perdera a tres irmáns- ademais de Franco, outros dos ministros da Gobernación perderán as súas distincións de Fillos Adoptivos da Coruña: Camilo Alonso Vega e Tomás Garicano Goñi.
O soldado Fraga non merece ser rescatado porque nin sequera está arrepentido da súa vergoñenta actuación durante a Ditadura; aínda máis, presume dela. E se ese comando de “expertos”, consegue a súa liberación provisional, a historia nunca o absolverá. Manuel Monge é sociólogo e Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Este artigo de opinión, baixo o título "Salvar ao soldado Fraga", fou publicado en A Nosa Terra dixital o 14-2-2009.
|