09 Xul 2010 |
Iníciase a retirada da Cruz dos Caídos de Ferrol
|
Na praza de Amboaxe Iníciase a retirada da Cruz dos Caídos de Ferrol ![]() En 2006, membros de NÓS-Unidade Popular pintaron de cor rosa a Cruz dos Caídos da praza de Amboaxe É un dos últimos símbolos do franquismo aínda en pé na cidade e retírase en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O goberno de Ferrol, que lidera en minoría o PSdeG, ordenou a retirada da Cruz dos Caídos que preside unha das esquinas da praza de Amboaxe, un dos últimos símbolos do franquismo que se mantén no mesmo centro de Ferrol, a poucos metros da casa natal do propio Francisco Franco. Este monolito, que mesmo foi obxecto de protestas por colectivos antifascistas, foi erixido en 1940 como homenaxe aos caídos do bando franquista na Guerra Civil. ![]() Vista da praza de Amboaxe, Ferrol. Dende primeira hora da mañá deste xoves, cinco operarios e un guindastre traballan na retirada deste monumento, dándolle cumprimento á Lei de Memoria histórica de 2007. Os traballos comezaron co valado do espazo con paneis metálicos e un operario, suxeito por un arnés, picou a base do monolito para separa a cruz de pedra e granito do seu pedestal. En concreto, o goberno municipal iniciou hai uns días as obras de remodelación desta céntrica praza, no marco dunhas actuacións subvencionadas polo Plan E. A reforma prevé recuperar o deseño orixinal da praza, que data do século XIX, recuperando as antigas sendas peonís para modernizar este espazo situado no centro do barrio modernista da Magdalena. A previsión é que as obras se prolonguen durante sete meses. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|














