Quince galegos súmanse á causa contra o xenocidio franquista en Arxentina
Segundo Nova Esquerda Socialista, unhas 6.000 persoas foron asasinadas en Galicia, o dobre que as rexistradas na ditadura
de Pinochet en Chile
 Manifestación en Vigo polo aniversario da II República
O partido Nova Esquerda Socialista presentará o vindeiro día 30 nos tribunais de Bos Aires a causa para que xulguen os responsables do xenocidio franquista en Galicia. O documento, que nun principio reflectía probas do asasinato de máis de 5.000 galegos entre 1936 e 1977, ampliouse con “quince casos máis”, sinalou Gustavo García, asesor legal da agrupación, que explicou que esta cifra “é case anecdótica, xa que a cantidade total de vítimas do xenocidio podería pasar das 6.000”. Esculca, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do 36 de Vigo e a Asemblea Republicana viguesa secundan a iniciativa, que está aberta ao apoio de entidades e particulares
Gustavo García, que se amosou “convencido de que os tribunais do país austral aceptarán a competencia”, sinalou que entre as persoas que secundan o proxecto figuran nomes como Uxío Novoneyra, o fillo do ilustre poeta, que expuxo o caso dun parente represaliado en Folgoso do Courel; Amalia Collazo, neta dun sindicalista da UXT asasinado violentamente; Xavier Moreda, que conta cunha ducia de parentes asasinados polos falanxistas; ou a escritora Rexina Vega, que expón o caso do seu parente Urbano Rodríguez Moledo, dramaturgo vigués fusilado en 1936, protagonista da súa novela Cardume, gañadora da 24ª Edición do premio Xerais de novela.
“Exercín como avogado para a Audiencia Nacional no caso do xenocidio chileno de Pinochet, onde había unhas 3.000 vítimas contabilizadas, e no caso galego hai o dobre, así que non teño dúbidas de que se trata dun verdadeiro xenocidio”, explicou García, que leva traballando 13 anos na causa aberta ao xuíz Baltasar Garzón. Na súa opinión, “todos somos vítimas desde xenocidio en Galicia” xa que “ao país fáltanlle 6.000 persoas que querían o mellor para esta terra e só recibiron a cambio medo e barbarie”.
Así, Nova Esquerda Socialista seguirá o camiño iniciado por Darío Rivas –fillo de Severino Rivas, alcalde de Castro de Rei asasinado no 36 pola Falange–, e Inés García Holgado. Ambos os dous encabezaron a querela presentada o pasado día 14 que pide xulgar os responsables dos crimes franquistas e podería sentar no banco dos acusados o ex ministro Manuel Fraga. “O ex presidente da Xunta non é o noso obxectivo, aínda que está clara a súa responsabilidade na pena de morte de Grimau”, explicou Gustavo García, que considera que a relevancia do proceso radica “en que Galicia é un pobo que non pertence ao seu propio xenocidio”.
Na súa opinión, “Galicia foi obxecto dunha matanza vil e cometéronse moitas atrocidades que ata o momento quedaron totalmente impunes”. Ademais, o avogado sinalou que a causa que defenderán ante a xustiza arxentina está refutada por documentos do proxecto Nomes e Voces, encargado polo bipartito ás tres universidades galegas, que tamén foron enviados á causa aberta por Garzón e “demostran o asasinato de miles de galegos”, aseverou.
“A Audiencia Nacional, non só Garzón, acordou investigar os crimes en Argentina e Chile, sen ter en conta a non prescrición dos crimes de lesa humanidade nin as leis do Punto Final”, engadiu García, que censurou que se produza a “paradoxa de que a Lei de Amnistía diga que agora non se poden xulgar eses delitos en España”.
Pola súa banda, o investigador Lois Pérez Leira, membro de Nova Esquerda e fundador do colectivo Memoria Histórica do 36 de Vigo, considera que “un dos principais xenocidios ocorridos antes do holocausto alemán foi o galego” e ademais “foi de manual, porque a patronal e as empresas facilitábanlle listados ao réxime dos que había que asasinar”, engadíu.
Na súa opinión, “o franquismo foi eliminando sistematicamente os grupos de oposición e, mentres a ditadura arxentina tiña o desaparecido como símbolo do horror, en Galicia esta imaxe foi substituída pola cuneta”, precisou. Para Pérez Leira, que é autor de varias publicacións sobre as desaparicións arxentinas e a represión franquista, o réxime encargábase de “inocular o medo na poboación” para “inmobilizar” calquera resposta.
|