14 Abr 2010 |
Fraga debería declarar si a xustiza arxentina investiga o franquismo
|
Fraga debería declarar si a xustiza arxentina investiga o franquismo Vítimas da ditadura presentan hoxe unha denuncia por xenocidio e solicitan a declaración do ex presidente da Xunta Hoxe conmemórase o 79 aniversario da proclamación da II República. Tamén hoxe, en Buenos Aires, as vítimas da represión da ditadura franquista que acabou con aquel goberno democrático acoden aos xulgados federais de Arxentina para presentar unha querela polo xenocidio cometido polo xeneral Francisco Franco desde o comezo da Guerra Civil e até a celebración das primeiras eleccións democráticas en 1977. Será o galego afincado en Arxentina Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei fusilado en 1936, quen encabezará a denuncia e presentará as probas do seu caso familiar como exemplo dos miles de "desaparicións forzosas" acontecidas en España antes e durante o franquismo. Acompañaralle Inés García Folgado, sobriña doutro alcalde salmantino asasinado. Serán os dous casos centrais sobre os que se baseará unha demanda á que "espérase que se unan nos futuro centos ou miles de familiares" dos máis de 100.000 desaparecidos no Estado, como advirten os avogados. A demanda pretende que, por primeira vez, un tribunal arxentino aplique o principio de xurisdición universal para evitar que os crimes do franquismo queden impunes. É a situación idéntica, pero inversa, que permitiu que o xuíz Baltasar Garzón investigase a represión levada a cabo en Arxentina ou Chile. A idea desta demanda chegou despois de que a Audiencia Nacional frease a investigación que pretendía levar a cabo Garzón. Agora, a querela en Arxentina denuncia o réxime franquista "por xenocidio e/ou delitos de lesa humanidade" e "delitos de homicidio, torturas, privación ilegal da ibertad cualificada e outros". Para iso, o caso do fillo do galego Severino Rivas, alcalde de Castro de Rei en 1936, servirá de punto de partida. O coñecido letrado Carlos Slepoy coordina unha querela que será defendida polos avogados locais David Baigún, Ricardo Huñis, Beniuz Szmukler e Máximo Castex. Este último, en declaracións a Xornal, di confiar en "que o xuíz acceda a investigar e xulgar os asasinatos cometidos polo franquismo" e que, por tanto, considere que esta represión se inclúe "na figura xurídica de xenocidio e que os delitos non prescriben". "Creemos que así será", asegura confiado. Os denunciantes esperan tamén en que o xuíz socilite ao Goberno español as probas dos crimes e unha listaxe de ministros e altos cargos das forzas de seguridade que participaron naqueles sucesos, que seguen vivos e que deberían prestar declaración. Si isto ocorre, Manuel Fraga, ex ministro franquista e ex presidente da Xunta, sería chamado a declarar. "Seguro que sería así, obviamente; seguiríase un proceso idéntico ao acontecido en Chile con Pinochet", aclara Castex. Nese caso, o que fose ministro de Información debería sentar no banco en Buenos Aires... Ou negarse. De non obedecer, ditaríase unha orde internacional de detención, a mesma que acabou por sentar no banco ao ditador chileno no seu propio país. "Tal cal", volve aclarar Castex. A demanda das vítimas do franquismo foi apoiada por multitude de organismos en defensa dos dereitos humanos, tanto españois como arxentinos. Moitos dos seus representantes acudirán hoxe aos xulgados e esperarán non menos dun mes para saber si o franquismo, por fin, é xulgado. Non dubidan de que así será.
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|














