Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Log-in de Usuarios



As 15 últimas novas

Arquivo por Datas

12
Mar
2010
A memoria paralizada
PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Vanesa Oliveira para "Galicia Hoxe"   

A memoria paralizada

A Consellería de Cultura reduce un 87% a partida orzamentaria destinada este ano ao proxecto "Os nomes e as voces" ao rebaixar a axuda de 230.000 euros a só 30.000

alt

A investigación sobre memoria histórica en Galicia quedará practicamente paralizada este ano. A Consellería de Cultura acaba de reducir un 87% a partida presupostaria destinada ao Proxecto As vítimas, os nomes, as voces e os lugares que pasará de 230.000 euros -concedidos o ano pasado polo bipartito- a só 30.000 segundo o novo convenio que asinaron co departamento que dirixe Roberto Varela e que aínda non se publicou no DOG.

 

Así o confirmou onte a este xornal o investigador do proxecto, Gustavo Hervella, que explica que dende a Consellería xustifican esta baixada debido aos "recortes orzamentarios que tamén se aplicaron a outros convenios coa Universidade". Este proxecto nacera ao abeiro das celebracións do Ano da Memoria en 2006 para "estudar a represión franquista da guerra civil e da ditadura, ofrecéndolle á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou a súa posición favorable á democracia republicana", segundo explican na súa web www.nomesevoces.net.

O recorte orzamentario de Cultura a este proxecto suporá un cambio na "perspectiva do noso traballo", advirte o historiador, xa que cos 30.000 euros brutos -que cos descontos de IVE e gastos de xestión da USC, quedarán en pouco máis de 20.000- só poderán sufragar "a nova web que estamos a crear para colgar as bases de nomes, imaxes, artigos de opinión, ensaios e unidades baseadas nos nosos fondos".

 

Gustavo Hervella: "Non queda outro remedio que botar o freo"

Este proxecto iniciárase coa recollida de información entre os anos 1936 e 1939 e debería continuar co estudo do primeiro franquismo nos anos 40 en Galicia. Porén, iso non será posible coa baixada de presuposto xa que, segundo Hervella, "non vamos poder afrontar o mesmo ritmo de traballo". Segundo asegura, "non queda outro remedio que botar o freo e centrarnos en facer máis traballo de despacho: colgar na rede os contidos que fomos recompilando estes anos".

O convenio con Cultura achegaba a maior contía para financiar este proxecto aínda que tamén contan con outras axudas como unha subvención á investigación de I+D. "Estamos intentando colaborar con outras institucións", explica Hervella, "aínda que non temos nada concretado". Con todo, esta rebaixa orzamentaria non afectará aos contratos do equipo de traballo, que dirixe o profesor Lourenzo Fernández Prieto. Un equipo que, coa chegada do PP á Xunta, tivo que asumir o gasto de mercar un novo dominio (www.nomesevoces.net) para non perder os contidos do Proxecto que albergaba a web www.anodamemoria.com, que finalmente desapareceu.

Con todo, o investigador do proxecto recoñece que o seu labor non se está a ver comprometido no que afecta aos contidos. "Nin a anterior Xunta nin a actual se meteron nos asuntos que investigamos. Nós limitámonos a presentar informes trimestrais do noso traballo e nunca houbo ningún problema. Cando entrou a nova Xunta, respectouse o convenio que asinamos co bipartito o ano pasado e en decembro, decidiuse renovar o convenio, pero con menos fondos, o cal limitará o noso traballo", recoñece. A parálise no recoñecemento ás vítimas da represión franquista non só o constatou este proxecto senón que, como indica Gustavo Hervella, "cónstanos que hai colectivos que se sentiron orfos na homenaxe que lle tributaron ás vítimas na Illa de San Simón o verán pasado no que o novo goberno non participou".

MANIFESTO DE 17 ASOCIACIÓNS DA MEMORIA HISTÓRICA

Manuel Monge: "O PP non quere desprenderse do franquismo"

Dezasete asociacións e colectivos que traballan na recuperación da memoria da represión franquista en Galicia, acaban de asinar un manifesto a prol da continuidade da colaboración por parte da Xunta neste labor. O texto, colgado na páxina web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), denuncia a redución da partida orzamentaria do Proxecto "Os nomes e as voces" e reclama que "se continúe conservando o 100% da súa financiación".

Ademais, piden "ante o cambio de usos para a Illa de San Simón" que se manteña como un "Lugar da Memoria de especial significación na historia de Galicia" para "desenvolver todo tipo de actos de recoñecemento, homenaxe e difusión a todas aquelas persoas que sufriron a perda da liberdade por ser demócratas". As asociacións aseguran que o Goberno actual desmontou a exposición da illa, realizada con fondos públicos, e anulou o barco subvencionado para visitar San Simón. Ao ver do presidente da CRMH, Manuel Monge, "o PP non quere que a illa sexa un símbolo da memoria histórica nin que se coñeza a represión. En realidade, non queren que haxa un símbolo no que se poida homenaxear as vítimas".

Dende o gabinete de prensa de Cultura aseguran que a Fundación Illa de San Simón -que dirixe Francisco Javier Alonso González- presentará o vindeiro mes a programación a celebrar nesta illa e que inclúen -como xa adiantou Roberto Varela nunha comparecencia parlamentaria- a celebración de actividades culturais vencelladas á histora de Galicia, ó mar e ó entorno natural pero non á memoria histórica.

Outro dos puntos que reclaman estas asociacións é a "continuidade do Convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Medicina Legal de Galicia para a exhumación das vítimas da represión franquista". Segundo explica Monge, non hai novas da continuidade deste convenio, o que implica que "non hai garantías de financiamento dos custos da exhumación que as asociacións non podemos asumir porque non temos recursos suficientes". De feito, o propio conselleiro de Cultura xa anunciou que non se financiarán as excavacións.

O manifesto conclúe reclamando que a Xunta "siga a promover a investigación na recuperación da memoria histórica, así como o fomento da axuda e colaboración para actividades e iniciativas" destas asociacións en recoñecemento das vítimas da represión. En opinión de Monge, a retirada destas axudas débese a que "o PP non quere desprenderse do legado franquista. Iso leva a pensar que queren esconder cando nos nosos actos non hai ánimo de revancha senón un acto de xustiza". Nesta liña, Monge critica a pasividade de Cultura en relación ao Pazo de Meirás. "Convertéronse en portavoces da familia Franco, non son capaces de cumprir a lei para senón que se deixan levar polos recursos e levamos así xa seis meses". O presidente da CRMH lembra ademais a paralización do Consello da Memoria e reclama un catálogo de rúas franquistas de toda Galicia para eliminalas.

Amosa a túa opinión sobre este artigo

Very HappySmileWinkSadSurprisedShockedConfusedCoolLaughingMadRazzEmbarrassedCrying or Very SadEvil or Very MadTwisted EvilRolling EyesExclamationQuestionIdeaArrowNeutralMr. GreenGeekUber Geek
Nome:
O teu correio:
Encabezamento:
Comment:
  Imaxe AntiSpam
Código Antispam:


 
Martes, 22 Maio 2012
Descarga o folleto Camarada Fraga e as Vitimas da Represión Franquista

Videocanle da CHRMdC en Vimeo
Páxina oficial en Facebook Páxina oficial en Twitter Galería de imaxes en  Picasa Sindicación RSS

Homenaxe a Manual Ponte Pedreira

Descarga o programa sobre Memoria Histórica

Poemas da Memoria

Se o pasado é pasado

i o presente é o urgente

por qué inda busca a xente

aquil soño clausurado?

English Chinese (Simplified) French German Spanish Catalan
Descargue as listaxes de nomes dos represaliados e colabore na súa actualización

Proxecto Nomes e Voces

Vai pola túa vila de caza pescudando a simboloxía franquista que aínda queda.
Manifesto pola  Terceira República
beys1.jpg