23 Feb 2010 |
Carta aberta da CRMH ao Delegado do Goberno en Galicia
|
Carta aberta da CRMH ao Delegado do Goberno en Galicia Sr. D. Antón Louro
A CRMH considera que estamos ante uns feitos moi graves, protagonizados por un funcionario público durante a súa xornada de traballo. Resulta totalmente inaceptable que despois de trinta e tres anos da instauración da democracia, haxa funcionarios públicos, é dicir ao servizo da sociedade, que teñan o atrevemento de lembrarnos os días de terror de 1936, cando, brazo en alto, os golpistas cometían todo tipo de actos represivos e asasinatos contra demócratas e republicanos. Un estado democrático non pode pagar a nómina de militares que, durante a súa xornada laboral, fan apoloxía do fascismo, é dicir, do terrorismo de Estado, que é o peor dos terrorismos. E non pode permitir que funcionarios públicos cometan este tipo de agresións contra a memoria das vítimas do franquismo. Esiximos que, por parte do ministerio de Defensa, se faga pública a identidade dese militar –cousa moi fácil de conseguir polas imaxes que existen- e que se informe á sociedade da marcha do expediente, que se supón xa terá aberto o citado ministerio, así como das medidas disciplinarias adoptadas por Defensa. Este tipo de actuacións non poden quedar no secretismo, como se fose unha cuestión interna das Forzas Armadas porque nas democracias o poder militar está supeditado ao poder civil, elixido democraticamente, e todas as actuacións dos militares deben ser coñecidas, valoradas e xulgadas polo conxunto da sociedade. Para a CRMH este non é un feito illado, senón que se repite con certa frecuencia. Hai dous anos o coronel Lorenzo Fernández Navarro de los Paños, comandante militar da Coruña e Lugo atrevíase a enviar un informe aos seus superiores sobre a Lei da Memoria Histórica, que era unha auténtica declaración de apoio ao levantamento militar fascista de 1936, unha xustificación da ditadura franquista -dicía que “La Segunda República no fue otra cosa que un golpe de Estado civil”- e un chamamento á insubordinación para que non se cumpra a citada Lei e non se retire a simboloxía franquista –dicía que esa Lei “tampoco pretende reconciliación alguna, sino la supresión de los símbolos de los malos”-. Aínda non coñecemos o contido íntegro do citado informe, nin sabemos que medidas disciplinarias se tomaron contra ese militar. Tamén hai dous anos o ex tenente xeneral José Mena Aguado arremetía contra o Goberno, lembrando que en outubro de 2005 propugnaba unha intervención do Rei para que, apoiado polas Forzas Armadas, impedise a aprobación do Estatuto de Cataluña. E o Xeneral de Brigada Blas Piñar Gutiérrez enviaba unha carta de protesta aos mandos do Exército, acusando ao Goberno de impedir o seu ascenso. A día de hoxe non coñecemos as medidas disciplinarias adoptadas para impedir que estes feitos se repitan ¿Como é posible que Blas Piñar se retire coa citada graduación?; ¿cómo é posible explicar os seus ascensos, despois de promover o “Manifesto dos 100”, un movemento de militares contra a democracia e de apoio aos golpistas do 23 de febreiro de 1981? Consideramos que a sociedade reclama ao Goberno información; reclama firmeza na defensa da democracia e medidas concretas contra aqueles que fan apoloxía do fascismo. E, sobre todo, reclama unha actuación exemplar do propio Goberno no cumprimento da Lei. Resulta un auténtico escándalo que, despois de máis de dous anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, o ministerio de Defensa manteña na Coruña escudos franquistas na fachada do cuartel de Atocha e unha placa no edificio de Capitanía de exaltación do militar golpista Cánovas Lacruz. Reciba un cordial saúdo. A Coruña, 23 de febreiro de 2010
Asdo. Manuel Monge González
Comentarios (1)
1
Martes, 23 Febreiro 2010 12:29
Nemigo
(imaxes do evento, minuto 02:57) -> http://www.rtve.es/mediateca/videos/20100122/telexornal-informativo-territorial-galicia-22-01-10/675012.shtml
Amosa a túa opinión sobre este artigo
|













