Solicitude á Conselleira de Sanidade do cambio de nome do Hospital Juan Canalejo
CRMH Da Coruña. Nota de prensa 04/02/08
Sra. Dna. María Xosé Rubio Vidal
Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña queremos solicitar expresamente á Consellaría de Sanidade, e con rexistro de entrada, o cambio de nome do Hospital Juan Canalejo.
Esta petición ten un amplo apoio social. Antes das últimas eleccións municipais numerosos colectivos da Coruña –entre eles os sindicatos CCOO, CIG, CNT e CGT- subscribimos o documento “Pola dignidade e a xustiza”- que entregamos ao alcalde Javier Losada e a todos os grupos municipais. Solicitábamos, daquela, “o cambio de nome do Hospital Juan Canalejo, que foi fundador da Falanxe da Coruña, organización fascista que estivo ao fronte de numerosos crimes contra os demócratas e republicanos”.
É incomprensible e unha auténtica vergoña para A Coruña manter o nome de Juan Canalejo, cando xa desapareceron noutros hospitais, de Galicia e de España, os nomes de persoas relacionadas coa Ditadura. O “Almirante Vierna” chámase hoxe Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; O “Hermanos Pedrosa Latas” (dous coñecidos fascistas) chámase hoxe Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo; a cidade sanitaria Francisco Franco de Madrid e a cidade sanitaria Francisco Franco de Barcelona, chámanse hoxe, respectivamente, Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e Hospital Universitario Vall D´hebrón. ¿Deixaron de ser unha referencia, perderon estes hospitais o seu prestixio ou deixaron de ter un recoñecemento da comunidade científico-médica cando cambiaron o nome?
O desconcerto é tan grande que moitas persoas pensan que Juan Canalejo é un ilustre médico e que por iso dá nome ao hospital. Desde a CRMH da Coruña estamos a facer unha campaña informativa para explicar que “Juan Canalejo non era cardiólogo”.
Acompañamos a este escrito, Sra. Conselleira, un resume de libros e artigos de opinión, aparecidos en distintos medios de comunicación, que recollen con detalle quen era Juan Canalejo. Podemos atopar referencias aos entrenamentos e prácticas de tiro dos fascistas da Coruña, que dirixía Juan Canalejo, na praia de Bastiagueiro. Coas pistolas asaltaban e tiroteaban as sedes dos partidos demócratas e dos sindicatos, roubando e levando as fichas de afiliación, que foron de moita utilidade para os asasinatos posteriores; coas pistolas acudían ás manifestacións pacíficas e legais para sementar o terror; coas pistolas tentaban rebentar as folgas; pistola en man irrompían nos mitins; coas pistolas detenían á xente, torturaban e daban palizas; e coas pistolas asasinaron a centos de persoas despois do levantamento militar fascista do 18 de xullo de 1936. Estamos, xa que logo, ante a biografía dun pistoleiro (“persoa que usa a pistola para cometer delitos de todo tipo”, segundo o Diccionario Xerais da Lingua), que dirixía todo tipo de accións terroristas contra o réxime legal e constitucional da II República. ¿Que sociedade democrática, cun mínimo de dignidade, pode aprobar ou consentir que unha persoa con estes antecedentes dea nome a un hospital?
O 26 de decembro de 2006, o Parlamento Galego aprobaba unha Proposición non de Lei na que se instaba ao goberno galego a retirar progresivamente dos edificios públicos e centros dependentes da administración as denominacións que fagan referencia a figuras ou feitos relacionados co franquismo. E o pasado 26 de marzo de 2008 aprobaba outra Proposición non de Lei na que instaba á Xunta de Galicia a “eliminar de todos os edificios públicos dependentes da súa administración toda a simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da ditadura franquista”. Evidentemente, Juan Canalejo é un deses persoeiros.
Esperamos que en aplicación destas resolucións do Parlamento e da lei da Memoria Histórica, a consellaría de Sanidade tome, á maior brevidade, a decisión política de cambiar o nome do Hospital Juan Canalejo. É hora xa de abandonar supostos criterios técnicos ou administrativos para xustificar a situación actual ou retrasar a aplicación das leis. Abórdese o cambio de nome como o que é, unha cuestión política, de xustiza, de dignidade, de recuperación da memoria histórica e de consolidación da democracia.
Reciba un cordial saúdo.
A Coruña, 2 de abril de 2008.
Asdo. Manuel Monge González, DNI 14232518 A
Presidente da Comisión pola Recuperación
da Memoria Histórica da Coruña
Rúa Olmos,16-18, 1º 15003 A Coruña
















