03 Feb 2010 |
República Portuguesa
|
República Portuguesa Vento fresco
O Partido Republicano Portugués, nado a fins do XIX, fora aumentando a base social e os apoios electorais por mor do descontento popular. Os republicanos, que actuaban nos exércitos e nos distintos sectores sociais, querían acadar os seus obxectivos como fose, non só por medio das urnas. Así o pai de Manuel II, Carlos I, xunto co príncipe Luís Filipe, serían asasinados por dous pistoleiros en 1908, ao atravesar a carruaxe real a praza do Comercio de Lisboa. Un dos dous republicanos autores do rexicidio, Manuel Buiça, era natural do concello trasmontano de Valpaços, situado preto da localidade galega de Verín. A escolta real reaccionou matándoos no mesmo lugar. Mais o enterro posterior dos dous republicanos, malia a ocultación do acto polo goberno, congregou vinte mil seguidores. Os portugueses censuraban as extravagancias, malgastos e relacións extramatrimoniais do rei Carlos I e a natureza autoritaria do seu primeiro ministro João Franco. O país encontrábase na ruína e padecía unha crise política xeneralizada. O segundo fillo, o infante Don Manuel, veríase obrigado a reinar logo da terríbel traxedia familiar, herdando os problemas e enxergando o avance electoral irrefreábel dos republicanos e socialistas, que acabaron todos eles por gañar as eleccións. O 4 de outubro produciuse a definitiva revolta militar e cidadá republicana nas rúas de Lisboa, que levou á eliminación da diferenciación entre realeza e pobo, e a que a bandeira verde e vermella do PRP se convertese na estatal. A I República portuguesa constituíu unha época inestábel e convulsa, entre outros motivos, polos intentos españois de invasión, pola participación lusa na primeira guerra mundial, pola forte oposición da Igrexa ao laicismo republicano e as presións das forzas conservadoras, moi fortes no medio rural. En 1926 produciuse o golpe militar autoritario do xeneral Carmona, que posibilitou o comezo da ditadura católica de Salazar. De todos os xeitos, esta, en termos xerais menos salvaxe que a franquista, a diferenza dela, non quixo a restauración do réxime monárquico. Coa revolución dos caraveis do 25 de abril de 1974 principiou a III República e recuperouse a democracia. Por mor da república, Portugal tivo extraordinarias transformacións, situándose en orde á democratización e ás liberdades case sempre por riba do Estado español. A gran maioría de portugueses e portuguesas seguen querendo moito o seu país e mantendo aceso con orgullo o facho do seu republicanismo secular. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|














