07 Feb 2012 |
Centos de persoas reivindican que Garzón "non está só"
|
O pasado 25 de xaneiro, en Pontevedra Centos de persoas reivindican que Garzón "non está só" Na Coruña, o próximo xoves, 9 de febreiro, arranca a actividade da Plataforma "Galicia con Garzón" na cidade da Coruña, cunha xuntanza en réxime de autoconvocatoria no café "Copacabana", en fronte do Obelisco. Centos de persoas asistiron en Pontevedra a un acto de homenaxe en favor do xuíz Baltasar Garzón, no que a portavoz da plataforma "Galicia con Garzón", Carmen Durán, reivindicou que "Garzón somos algo todos" e que o maxistrado "non está só" ante os procesos xudiciais aos que enfronta actualmente. Entre os asistentes a este acto cívico, co aforamento do Teatro Principal completo, estaban os escritores Manuel Rivas, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, ademais da presidenta da Fundación Érguete, Carmen Avendaño, que forman parte do colectivo "Galicia con Garzón", ao que pertencen medio centenar de organizacións e personalidades do ámbito da cultura. Carmen Avendaño destacou que "existe un antes e un despois en Galicia" grazas a Garzón, argumentando que entón as persoas que se dedicaban ao narcotráfico "campaban ás súas anchas e alardeaban da súa impunidade, facendo ostentación dos seus bens". Coa Operación Nécora, segundo a responsable de Érguete, "abriuse a espita para que se iniciasen outras actuacións" contra o tráfico de drogas, causante de "unha xeración completa" de vítimas mortais da drogadicción. "Como cidadáns é pouco entendible", engadiu Carmen Avendaño, a situación de "sinsentido" que atravesa o xuíz Garzón, polo que afirmou que "se o apartan da xudicatura a imaxe de España vai ser tremenda". Así, durante a presentación do acto, a xornalista Tareixa Navaza incidiu en que "é a primeira vez en Europa que se xulga a un xuíz por defender os dereitos humanos". Neste sentido, cualificou esta homenaxe a Garzón -que hai dous anos en Pontevedra recolleu o Premio da Fundación Luís Tilve á acción solidaria- como "un acto xusto fronte á cazaría, o linchamento e o axuste de contas" ao que se lle somete. Tamén interviñeron no acto o excomisario de Policía Enrique León, a catedrática Aurora Marco, o vicepresidente do Ateneo de Pontevedra Fernando Filgueira, a escritora Marilar Aleixandre e o exfiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, José María Mena. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|













