05 Set 2010 |
A querela iniciada por un galego fará que xulguen os crimes franquistas
|
A querela iniciada por un galego fará que xulguen os crimes franquistasOs autores dos delitos cometidos na ditadura poderán ser “procesados criminalmente” por primeira vez na historia. A querela podería sentar no banco dos acusados ao ex presidente da Xunta Manuel Fraga, ministro durante o franquismo.
Darío Rivas. Arxentina investigará os responsables dos crimes franquistas, que poderían ser procesados criminalmente por primeira vez na historia. O pasado venres, a Sala Segunda da Cámara Federal arxentina declarou nulo o auto polo que se arquivou a querela que pedía que os autores do xenocidio responderan ante a xustiza polos seus delitos. Deste xeito, a Fiscalía do país austral, aplicando o principio de xurisdición universal, lexitimou a demanda promovida o pasado 14 de abril polo galego Darío Rivas e pola salmantina Inés García. Á querela uníranse numerosas asociacións a prol dos dereitos humanos e da recuperación da memoria histórica. Así, o Goberno español recibirá unha petición por vía diplomática da Cámara Criminal e Correccional de Arxentina de informar sobre se se están investigando os crimes perpetrados polo réxime que rematou co Goberno democrático da Segunda República. Nesta nova resolución xudicial, os tribunais federais arxentinos anularon a sentenza ditada o pasado mes de maio pola xuíza María Servini de Cubría por “non ter fundamento”, sinalou Máximo Castex, un dos avogados arxentinos que interpuxo a querela. Na nova resolución, a Cámara atende a medida dos demandantes e pide que España indique “a existencia dun plan sistemático, xeneralizado e deliberado de aterrorizar os españois e estranxeiros partidarios da forma representativa de goberno, a través da súa eliminación física, levado a cabo no período comprendido entre o 17 de xullo e o 15 de xuño de 1977”. No auto, asinado por Horacio Holando, recóllese que a decisión da xuíza de arquivar a querela “non constitúe un auto xurisdicional válido”. Ademais, non dá resposta “á pretensión do querelante, que acudiu á xustiza arxentina perseguindo penalmente a quen considera responsables das condutas delitivas que el entende que o damnificaron”. Por outra banda, sinala que “a razón principal pola que o Estado debe perseguir o delito é a necesidade de dar cumprimento á súa obriga de garantir o dereito á xustiza das vítimas”. Neste sentido, o auto alude á “persecución penal como un corolario necesario do dereito de todo individuo a obter unha investigación xudicial a cargo dun tribunal competente, imparcial e independente no que se estableza a existencia ou non da violación ao seu dereito, se identifiquen os responsables e se lles impoñan as sancións pertinentes”. A xuíza Servini de Cubría será a encargada de dar comezo ás investigacións, xa que o seu xulgado se encargará do caso. Á demanda iniciada por Darío Rivas –cuxo pai foi asasinado en 1936– uníronse entidades como a a Fundación Galega Contra a Impunidade Fernando Pereira, entre outras, que presentou nos tribunais federais de Bos Aires información do asasinato de case 5.000 galegos durante a ditadura. Os seus datos están avaliados polo proxecto de investigación Nomes e Voces, efectuado polas tres universidades galegas. Segundo o avogado Gustavo García, membro da fundación, esta nova decisión da Cámara arxentina, ante a que non cabe apelación “porque a decisión chegou ao tope de recursos”, supón “que se van investigar os responsables do xenocidio franquista por primeira vez na historia”. Aínda que pode tratarse dun “proceso longo”, permitirá que “as barbaridades cometidas a partir do 36 poidan ser investigadas dunha vez”, di, xa que ata agora, “o único que se facía era localizar fosas de fusilados”, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. Outro aspecto “moi importante” é, segundo García, que se admitira a Inés García –sobriña dun represaliado– como parte do caso, xa que isto permite que “calquera familiar de vítimas do franquismo se pode sumar á causa como demandante”. Algo factible, pois a fundación calcula que hai “máis de 100.000 desaparecidos no Estado”. Así mesmo, a querela podería sentar no banco dos acusados ao ex presidente da Xunta Manuel Fraga, ministro durante o franquismo, xa que solicita ao Goberno español a identificación de todos os altos cargos do franquismo entre 1936 e 1977 para que declaren en Arxentina. Pola súa banda, Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, comparecida tamén na causa, amosou as súas dúbidas sobre a resposta que pode dar o Goberno español á exhortación que enviará Arxentina para que España aclare se xa se está investigando o xenocidio franquista. “Se responden que en España xa se está investigando estarían mentindo”, dixo. Ademais, Macías pediulle aos políticos españois que sexan “igual de respectuosos” coa decisión xudicial arxentina como o foron coas que levaron a Garzón ao banco dos acusados por investigar eses delitos. Na querela presentada o pasado 14 de abril reflectíase que a xustiza española nunca investigara eses sucesos, a pesar de que o Código Penal español estipula que os delitos de guerra, lesa humanidade e xenocidio non prescriben. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|














