22 Ago 2010 |
Inician a exhumación de tres guerrilleiros en Lugo
|
Inician a exhumación de tres guerrilleiros en Lugo
A ARMH intentará localizar os restos de tres combatentes antifranquistas de León. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica iniciará mañá, a partir das 12.00 horas, os traballos de busca e posterior exhumación dunha foxa común situada na aldea de Vilavella, no municipio lucense de Triacastela. Segundo explicou a entidade, nese lugar atópanse os restos de tres guerrilleiros antifranquistas de orixe leonesa que se refuxiaban na zona dende o estalido da Guerra Civil. Trátase de Pedro Voces Canóniga, veciño de Villabuena, Antonio Vega Guerrero, de San Juan de la Mata e Félix Yáñez González, de Campelo. Estes tres homes foron fusilados o 12 de novembro de 1943, despois de ser sorprendidos nas proximidades de Vilavella tras unha confidencia recibida por parte dun antigo colaborador dos guerrilleiros. Un cuarto home, Ovidio Peláez Rodríguez, lograría saír con vida do tiroteo, falecendo só uns meses máis tarde nun combate, esta vez na provincia de León. Posteriormente, indicou a ARMH, os tres cadáveres foron trasladados ás proximidades da igrexa de Vilavella, sendo enterrados na parte posterior de esta, extramuros do cemiterio parroquial. Os traballos darán comezo unha vez que a ARMH conseguiu os permisos necesarios para desenterrar a estes tres represaliados, despois de que as súas familias así o solicitaran. O presidente da entidade, Santiago Macías, destacou a gran “disposición” prestada polo Concello de Triacastela, e recoñeceu que quen máis problemas ofreceu á hora de cumprimentar as solicitudes pertinentes foi o Bispado de Lugo A información achegada polos veciños da zona e a existencia de numerosa documentación oficial sobre o suceso permitiu situar o lugar e confirmar as identidades das tres vítimas, así como a data na que se produciron os asasinatos. Os traballos de exhumación serán dirixidos polos arqueólogos René Pacheco e Andrés Crespo e neles estarán presentes tanto membros da ARMH como voluntarios. A identificación posterior correrá a cargo do forense José Luis Prieto. A Federación na posguerra Os tres guerrilleiros represaliados en Triacastela pertencían á Federación de Guerrilleiros de León Galicia, que se constituíu en 1942 en plena posguerra española. Ata 1947 enfrontáronse ás forzas franquistas con éxito, xa que eran bos coñecedores do terreo. A partir dese ano,o réxime cambiou o enfrontamento directo pola espionaxe. En 1948, a resistencia de guerrillas chegou practicamente á súa fin. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|













