23 Mai 2010 |
O BNG pide á Xunta que apoie a querela arxentina contra o franquismo
|
O BNG pide á Xunta que apoie a querela arxentina contra o franquismo Reclaman que o Goberno aporte toda a información da que dispoña para que o caso siga adiante. O BNG ven de presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego na que insta á Xunta a axudar aos promotores da querela contra o franquismo presentada en Arxentina para que a causa poda seguir adiante. Así mesmo, os nacionalistas reclaman que o Goberno autonómico volva apoiar a busca das vítimas da ditadura en Galicia. A querela contra os crimes do réxime presentada en Arxentina hai unhas semanas, entre outros, por Darío Rivas, fillo dunha das vítimas galegas, foi desestimada pola xuíza, se ben os avogados xa advertiron de que recorrerán esta decisión. Ademais, para que a causa teña futuro, o BNG insta á Xunta a “colaborar coas entidades que promoven a querela, remitindo toda a información e documentación que obre no seu poder e que contribúa a acreditar os crimes producidos no franquismo en Galicia”. Con esta iniciativa parlamentaria, a deputada nacionalista Ana Pontón tamén quixo criticar a actitude do Executivo galego do PP con respecto á memoria histórica. “As políticas de recuperación en Galicia que puxo en marcha o Goberno bipartito foron totalmente paradas”, sinalou. Neste sentido, reclama á Xunta que apoie “activamente” a busca das vítimas da ditadura que seguen desaparecidas na comunidade. Segundo os nacionalistas, en Galicia “se contabilizan máis de 4.000 persoas desaparecidas” nesa etapa. Negación da realidade Ao seu xuízo, coa aposta popular por abandonar as políticas de apoio á memoria histórica “o Goberno toma partido polo silencio, pola negación da realidade, por impedir que sexamos un pobo máis consciente do noso pasado e optan por non reparar a memoria daqueles que loitaron contra un alzamento militar e contra un réxime”. “Para o BNG é imprescindible coñecer e investigar os crimes da ditadura franquista e do alzamento militar do 1936, uns crimes masivos e xenocidas, que non poden quedar impunes”, sentenza Ana Pontón. Entre as reclamacións do partido da oposición, tamén está o apoio económico ao proxecto Os nomes, os lugares, as voces das tres universidades galegas –no que se documentan máis de 5.000 casos de torturas, detencións ilegais e asasinatos que tiveron lugar na comunidade– e ás iniciativas doutras asociacións. Tamén reclaman unha homenaxe institucional na Illa de San Simón ás vítimas do alzamento. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|













