16 Set 2009 |
Rúas para dez mulleres
|
| Rúas para dez mulleres
O pleno da corporación municipal da Coruña aprobaba o 7 de setembro o nome de novas rúas para a cidade, entre elas as dedicadas a seis homes; non figuraba ningunha muller.
Con todo o respecto aos homes que van recibir ese honor, que, sen dúbida, teñen méritos dabondo, vai sendo hora de que se teña en conta que as mulleres son máis da metade da poboación. Hai moitísimas mulleres que merecen figurar no nomenclátor da cidade e a actual concelleira de Igualdade, Margarida Vázquez, xa presentara hai anos unha ampla proposta de nomes.
Sería bo que, en aras desa política de igualdade e para que tivese impacto social, a corporación municipal aprobase xa e dunha soa vez o nome de dez mulleres para as novas rúas e que no futuro figuren, polo menos, igual número de mulleres que de homes.
Atrévome a propor estas dez mulleres, cunha breve biografía:
MERCEDES ROMERO ABELLA. Mestra de Monelos, compañeira de Francisco Mazariego, dirixente da UXT de banca, empregado do banco Pastor e fusilado polos fascistas. Despois da súa detención foi violada, torturada e fusilada no pozo da ponte da Castellana (Aranga). Tiña 30 anos e dous fillos.
“LA CORALES” (BASILISA ÁLVAREZ GONZÁLEZ). Vendedora de peixe. Moi popular no barrio de Monte Alto (vivía en Atocha Alta) pola súa humanidade, solidariedade e compromiso antifascista. Participou nas redes de apoio a fuxidos e represaliados, que recibía na súa casa; por este motivo foi detida e pasou un tempo no cárcere da Coruña.
HENRIQUETA OTERO BLANCO. Mestra, coñecida como “A Pasionaria do Pobo Galego”. Cando se produce a sublevación militar de 1936 achábase en Madrid, exercendo o maxisterio. É destinada ao Hospital de Carabanchel e despois é a encargada da alfabetización na fronte. Ao rematar a guerra volta a Lugo onde trata de coordinar a resistencia antifranquista. É detida e 1946 e torturada. Estivo 19 anos no cárcere e cando sae en 1965 funda a asociación O Carriño, percorrendo as aldeas coa súa roulotte, a xeito de Universidade Popular.
CONSUELO RABUÑAL SUÁREZ. Cigarreira, presidenta en varias épocas, tamén na República, do sindicato de corte uxetista “Unión Tabacalera. Sociedad-Montepío de Obreras Cigarreras”.
ROSARIO VIZOSO SERANTES. Cigarreira coruñesa na Fábrica de Tabacos. Dirixente do “Sindicato de Obreras Cigarreras `Nueva Aurora´”, integrado na “Federación Local Obrera” (CNT) herculina. Na etapa republicana representaría a este sindicato en diversos comicios da Confederación Galaica.
MARÍA MIRAMONTES MATO. Modista de recoñecido prestixio. Esposa do editor e alcalde de Santiago, Ánxel Casal, prestou un decidido apoio a todos os proxectos ligados a editorial Nós e ás publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Despois do fusilamento do seu home, exiliouse en Bos Aires, onde morreu.
INÉS DE BEN. Defensora da cidade no ataque inglés de 1589. Como María Pita, perdeu ao seu home na batalla e toda a súa facenda. Veuse condenada á miseria ao ficar case cega, por mor de dous balazos recibidos no rostro, e sen ningún tipo de axuda. Pode ser considerada como un símbolo da defensa heroica da cidade levada adiante polas mulleres, sen ningún tipo de recoñecemento posterior.
MARÍA LUÍSA NACHE. Cantante coruñesa de ópera. Soprano de sona internacional, durante os case 20 anos da súa vida profesional acadou un grande prestixio, actuando nos máis importantes teatros do mundo. Volve á Coruña en 1963, dedicándose máis tarde á docencia. Volverá aos escenarios para estrear pezas de compositores galegos. Formou parte da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.
ELISA E MARCELA (Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas). Mulleres coruñesas protagonistas dunha voda homosexual en xullo de 1901. As dúas mulleres eran mestras e foron detidas polo seu matrimonio, tendo que fuxir a Porto, primeiro, e despois a Bos Aires.
LUÍSA VILLALTA. Escritora, música e profesora coruñesa. Era licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Ten unha extensa obra literaria, tanto de narrativa, novela, teatro e poesía, entre elas o poemario coruñés En Concreto. Titulada en violín, ten escrito artigos e ensaios sobre a estética e comunicación musical. Participou na Directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega e en iniciativas como o Foro da Cultura Galega. Morreu en 2004.
Manuel Monge é sociólogo e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
|











