Falanxistas coruñeses disfrázanse de Asociación da verdade histórica Aproveitándose das festas do Entroido De todos é sabido que é un costume moi arraigado aproveitar estes días da festa do Entroido para disfrazarse. Ás veces o disfrace é tan bo que non chegamos a descubrir que persoas hai detrás. Non é este o caso quen nos ocupa porque os protagonistas deste disfrace están perfectamente identificados. Por se acaso hai por aí algún despistado, pasamos esta información para coñecemento xeral, especialmente dos medios de comunicación.
A chamada “Asociación para la divulgación de la verdad histórica” non é máis que un reducido grupo de falanxistas da Coruña, admiradores de Franco, que aproveitan o Entroido para tentar enganar á xente e frear a eliminación da simboloxía franquista.
O “camarada” José María Permuy Rey é un vello coñecido; calquera que pasease polo Cantón Grande hai uns anos podía atopalo alí, coa súa camisa azul, nunha mesa de propaganda de Falanxe.
Posteriormente, e coincidindo cun reagrupamento das forzas políticas fascistas no Estado, Permuy participa en 2003 na constitución de Alternativa Nacional (ten a Blas Piñar como Presidente Honorario), que se inscribe no rexistro de partidos políticos o 19 de abril de 2004, baixo o nome de Alternativa Española (AES).
O Secretario Xeral de AES é Rafael López Diéguez -xenro de Blas Piñar- e o Presidente Rexional é José María Permuy Rey, que encabezaba a candidatura ao Senado de dito partido pola Coruña nas eleccións Xerais de 2008.
Os falanxistas disfrázanse con frecuencia, camuflados en diversas siglas. Así, nas eleccións catalanas de 2006 presentáronse como Plataforma Adelante Cataluña, mais non colou porque só tiveron 2.735 votos, é dicir, o 0,09%. Non tiveron mellor sorte nas eleccións Xerais de 2008, onde tiveron 7.000 votos en todo o Estado.
Alternativa Española é un grupúsculo de ultradereita. Os seus actos teñen unha asistencia moi minoritaria. Nos últimos meses organizaron unha concentración ante a casa do concello de Madrid, baixo o lema “Un sí a Dios”. En xaneiro de 2009 entregaban na embaixada de EEUU en Madrid unha carta de protesta contra -o que chaman- “política abortista de Obama”.
José María Permuy ten xa un certo caché entre o falanxismo do Estado e participa en numerosos actos. Así, en abril de 2001 participa en Zaragoza nas “Jornadas por la Unidad Católica”, que tiñan como obxectivo: “mantener vivo el espíritu de reconquista de la Unidad Católica, perdido por la Constitución de 1978”. A crónica destas xornadas, que difunden os organizadores, sinala o seguinte:
“Un falangista, José María Permuy, defendió con enorme brillantez los principios de la Ley Natural frente al liberalismo, socialismo, comunismo, progresismo, etc. con abundantes citas de los Papas. Criticó severamente las complacencias de las máximas jerarquías de la Iglesia española con la democracia y la Constitución, haciéndoles responsables de los males que han traído ambas y de hacerlo con perfecto conocimiento de causa”.
Na praza de Oriente de Madrid –lugar elixido polos fascistas para os seus actos- Permuy ocupaba un lugar destacado na tribuna de oradores o 23 de novembro de 2003, no centenario do nacemento de José Antonio Primo de Rivera. No acto que organiza Alternativa Nacional intervén xunto a Blas Piñar e proclama a súa admiración polo Ditador Franco, rematando o seu discurso cun vibrante “¡Viva Cristo Rey! ¡Arriba España!”. (Acompañamos o texto íntegro da súa maxistral intervención).
En abril de 2005, dentro das xornadas que organiza en Zaragoza Acción Juvenil Española (AJE) e outros grupos fascistas, baixo o título “Movilización de los seglares católicos frente a la ofensiva laicista”, Jose María Permuy dá outra interesante disertación sobre un tema de rabiosa actualidade: “Influencia del ecumenismo y la libertad religiosa en la desmovilización de los seglares”.
E xa en Galicia, Permuy participa dúas veces no programa Hai debate da TVG, dentro da sección Cara a cara: o 20 de novembro de 2006, sobre os símbolos franquistas, e o 16 de abril de 2007 sobre a sublevación militar e a república. Nos dous casos tivo enfronte a Manuel Monge, que é hoxe Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Permuy sempre xustificou a sublevación militar fascista de 1936 contra o Goberno Lexítimo da República.
En coherencia total co seu pensamento, Permuy e os falanxistas coruñeses están moi enfadados porque as cousas están a cambiar na Coruña. Vivían felices e contentos coa vergoñenta política de tolerancia co franquismo; estaban encantados cunha Coruña que fose a capital da simboloxía franquista. Estaban encantados de ter a Franco como fillo adoptivo e predilectísimo; de poder pasear polas rúas dedicadas a Sanjurjo, Mola, Gómez Zamalloa, Cánovas Lacruz. Non poden crer que despois de trinta anos de democracia, retiremos agora a estatua de Millán Astray e a rúa do “camarada Canalejo”.
Os falanxistas da Coruña están doentes e nós estamos contentísimos porque 70 anos despois daquel“Último parte de guerra” do 1 de abril de 1939 (Ano da Victoria para os fascistas), podemos proclamar que
¡O EXÉRCITO SUBLEVADO FOI DERROTADO!
|