09 Ago 2010 |
A Coruña, á cola en romper cos símbolos franquistas
|
A Coruña, á cola en romper cos símbolos franquistas Os nomes das rúas que renden homenaxe a franquistas seguen sen prazos para ser cambiadas case un ano despois de que o Concello coruñés aprobase aplicar a Lei de Memoria Histórica de 2006 ![]() Baixorrelevo de Franco no salón de plenos da Coruña Case un ano despois de que o pleno municipal da Coruña aprobara –coa abstención do PP– a supresión de 53 símbolos franquistas da cidade, a metade seguen en pé. O baixorrelevo do ditador permanece no propio salón de plenos e non se cambiou nin unha soa das 22 rúas que renden honores a destacados persoeiros do alzamento militar e da represión franquista. O Concello coruñés, que xa foi á cola en aprobar a aplicación da Lei da Memoria Histórica en Galicia, admite que non hai prazos. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña denuncia que a cidade volve quedar atrás no obxectivo de romper simbolicamente co franquismo. A eliminación dunha placa a Cánovas Lacruz foi o único paso definitivo dado ata o momento. Tamén se revogaron os títulos honoríficos a 18 personaxes, pero esta decisión está recorrida nos tribunais por varias familias, coma as do Teniente Coronel Teijeiro, a de Juan Canalejo ou e a de José Millán Astray. Esta última protesta ademais contra a ausencia da estatua do falanxista situada na praza que tamén leva aínda o seu nome. A retirada da figura foi o acto máis emblemático do último ano na recuperación da memoria histórica na Coruña, pero non é un capítulo pechado. A efixie retirouse para executar as obras de reforma da praza de España e a súa contorna e levouse, provisionalmente segundo se dixo, para un almacén municipal. A familia de Millán Astray pediu nos tribunais que a estatua se repoña cando remate a actuación, xa que defenden que só enxalza a Millán como fundador da Lexión. O alcalde, Javier Losada, manifestara que a peza iría parar ao Museo Militar da cidade. Pola súa banda a CMRH, que chegara a pedir que se fundira a figura de metal, considera “ilóxico” que se leve a unha sala de exposición cando “a estatua de Franco acaba de ser retirada do Museo Naval de Ferrol porque o Ministerio de Defensa non está polo labor de amosar os símbolos franquistas”. “Que os socialistas da Coruña aprendan da ministra Carme Chacón, que tamén é socialista; a estatua debe quedar tapada cunha lona”, opina Manuel Monge, presidente da comisión coruñesa. Xunto co baixorrelevo de Franco, os cambios no rueiro son os que máis se resisten. Aínda non están decididos os novos nomes que substituirán rúas coma Generalísimo, Os Caídos ou División Azul. O que si se sabe é que os nomes dos personaxes franquistas permanecerán nas novas placas, coma unha referencia á vella denominación. Con esta condición o Goberno local sacou a concurso os carteis a pasada primavera. Fontes municipais apuntan que tampouco para isto hai prazos e que se fará paulatinamente. Engaden que probablemente a praza de Millán Astray sexa unha das primeiras en cambiarse, en canto se completen as obras de reforma da zona. Pontevedra e Santiago á vangarda En Santiago, por contra, os elementos en honra ao franquismo son practicamente inexistentes. Pola súa banda, Pontevedra é unha das cidades pioneiras na erradicación. En 1999 a corporación municipal xa tiña proposto a recuperación da memoria histórica como obxectivo da súa xestión tras o cambio de goberno (o BNG desbanca o PP) como explicaba entón o concelleiro nacionalista Luis Bará. Pouco despois, en 2000 o Concello retirou a placa que testemuñaba a concesión da Medalla de Ouro a Franco, situada no interior da propia casa consistorial. Con estas accións o municipio anticipábase catro anos á petición da Asociación para a Recuperación dá Memoria Histórica de Galicia que en abril de 2004 entregou ao Parlamento galego máis de 4.000 sinaturas pedindo a eliminación destes elementos en toda a comunidade, e á Lei de Recuperación da Memoria Histórica do Goberno español aprobada en 2006, tras a que desapareceron de Pontevedra rúas con nomes como os do xeneral Emilio Mola, Salvador Moreno, Secundino Esperón ou Calvo Sotelo. O único elemento claramente notorio que aínda queda na cidade é un escudo de pedra do movemento coa aguia imperial, que forma parte da estrutura da fachada dun antigo edificio, ao comezo da rúa Michelena, moi próxima ao concello. Tamén a avenida de José María Fernández Ladreda. En Ferrol a carreira por eliminar eses restos é intensa. Este mesmo ano o emblemático cabalo de Franco deixou o patio do Museo Naval para cubrirse cunha lona nun almacén desa instalación e tamén desapareceu a Cruz dos Caídos da praza de Amboage, no barrio da Madalena. A cidade natal de Franco deixou atrás o seu rimbombante retrouso “del Caudillo” xa no ano 1982. A recuperación dos nomes orixinais das rúas iniciouse xa na década dos oitenta, pero a limpeza de vestixios franquistas segue activa. Tamén neste ano, varios centros escolares bautizados con nomes de ministros da ditadura ou familiares de Franco cambiaron de nome, coma do Centro de Educación Especial Carmen Polo, que pasou a chamarse Terra de Ferrol, ou o instituto Marqués de Suanzes, agora IES Ferrolterra. Vigo mantén a Cruz do Castro Dende a chegada de Abel Caballero ao Concello de Vigo púxose en marcha unha “folla de ruta” para a retirada de símbolos franquistas. Durante os últimos tres anos, e en colaboración co Bispado, elimináronse todos os vestixios existentes nas igrexas, pero a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 pediu recentemente máis avances. Membros do colectivo levaron a cabo varias campañas entre as que se incluíu a repartición de folletos en varios idiomas entre os turistas nopeirao de transatlánticos. A semana pasada, a asociación distribuíu pasquíns para a demolición da Cruz dos Caídos situada no monte do Castro e que é visible dende varios lugares da cidade. O alcalde respondeu con críticas aos representantes de Memoria Histórica por non recoñecer os grandes avances que Vigo realizara para eliminar a simboloxía franquista e sinalou que ninguén fixo tanto por borrar os restos coma o seu Goberno. “Esperaba que nos felicitasen pola retirada de símbolos das igrexas “, dixo o rexedor, quen subliñou que, “despois de 75 anos”, as inscricións fascistas desapareceron dos templos vigueses. A pegada do réxime en Ourense vai desaparecendo co paso dos anos. O actual goberno local da cidade impulsou dende o comezo do seu mandato a retirada de símbolos. Malia iso, os restos do franquismo non desapareceron de todo na propia capital. No barrio do Polvorín, na praza interior das antigas casas baratas, hai unha placa na que se pode ler: “Plaza del Alzamiento Nacional”. En pleno centro da cidade, na confluencia das rúas Ervedelo e Progreso, tamén hai unha intersección de rúas dedicada ao Alférez Provisional. O Concello ten intención de modificar de xeito inmediato estes dous restos que perpetúan simbolicamente o réxime. Desaparición gradual En Lugo capital o rueiro tampouco está desprovisto dos sinais de identidade franquistas. A praza comandante Manso e a rúa Tenente Coronel Teijeiro renden homenaxe a antigos militares do exército vencedor da Guerra Civil. A intención do consistorio lucense e ir cambiando pouco a pouco os nomes que se relacionan co réxime anterior aínda que non tomou en pleno ningún acordo para eliminar o conxunto da simboloxía. No que se refire a escudos coa aguia de San Xoán tamén foron eliminados por completo dos edificios oficiais a pesar de que resiste algunha vidreira, como a colocada no Instituto Masculino. Con todo, a presenza de símbolos en Lugo e Ourense é menor que a existente aínda na Coruña. Os concellos teñen aínda traballo por diante para borrar a Franco do mapa 34 anos despois da súa morte. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|

















