01 Mar 2010 |
O concello da Coruña retíralle as distincións a Franco
|
O concello da Coruña retíralle as distincións a Franco O Concello da Coruña ratifica hoxe en pleno a retirada de 21 distincións honoríficas, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, unha medida aprobada o pasado 7 de setembro.
Nun comunicado, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña pide que a estas distincións se sume a retirada do título de fillo predilecto para o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, ministro de Gobernación durante a etapa franquista.
Entre as 21 distincións honoríficas, figura a retirada a Francisco Franco dos títulos de fillo adoptivo e predilectísimo; alcalde honorario e medalla de ouro da cidade, así como o título de fillo predilecto a José Millán Astray, fundador da Lexión, Juan Canalejo e Mariano Gómez Zamalloa. Tamén figura a retirada do título de fillo adoptivo a varios ministros de Franco e xenerais, así como a medalla de ouro da cidade a Luís Carrero Blanco, vicepresidente do Goberno e ministro de Franco, e Fermín Gutiérrez Soto. A CRMH de A Coruña considera unha "boa noticia" a ratificación da retirada destas distincións e "apoia" as argumentacións do goberno municipal coruñés para rexeitar as alegacións presentadas. Non obstante, afirma non entender as "razóns" polas que se mantén o título de fillo adoptivo da cidade ao ex presidente da Xunta "cando esa mesma distinción se retira a outros oito ministros da ditadura", engade. Ao respecto, lembra que esta distinción se lle concedeu no 1968 "cando Fraga sentaba no consello de ministros e participaba activamente en toda a política represiva e criminal da ditadura", conclúe. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|



















