Adeus a Millán Astray O Concello retira a estatua de Millán Astray Operarios da empresa López Cao trasladárona hoxe, á primeira hora da mañá, aos talleres municipales 
VER VIDEO DA RETIRADA DA ESTATUA A estatua de Millán Astray xa foi retirada da súa localización, na praza homónima. Operarios da empresa López Cao encargáronse esta mesma mañá de desmontala e trasladala aos talleres municipais.
Os preparativos para o desmonte e a retirada da estatua empezaron ás 07.00 horas cos traballos previos. A partir do oito da mañá, os operarios da empresa López Cao, encargada da actuación, comezaron a picar a base de granito que servía de apoio á estatua para, a continuación, rebaixar a propia base da figura e desmontar a figura, que foi envolta e depositada nunha caixa de cor verde para o seu posterior traslado aos talleres municipais.
Con esta actuación, o Concello coruñés inicia os traballos de reordenación de todos os espazos da contorna da praza de España e, ao mesmo tempo, dá cumprimento aos acordos da comisión, que o pasado mes de novembro determinou os elementos vinculados a simboloxía franquista da cidade para a súa posterior retirada en aplicación da Lei de Memoria Histórica. O recurso da filla
A retirada da estatua de Millán Astray que até agora se erixía na praza do Xeneral Millán Astray prodúcese cando aínda non se cumpriu un mes desde que transcendese que a filla do que fose fundador da Lexión presentou na Subdelegación do Goberno un recurso de reposición contra o acordo do Concello de retirar a estatua do seu pai, un acordo que o Concello adoptou co argumento de dar cumprimento á lei de memoria histórica.
Peregrina Millán-Astray Gasset explicou no seu recurso que a estatua do seu pai non cumpre os requisitos que esixe a lei para os monumentos que merecen ser retirados. A filla do fundador da Lexión afirma que a estatua "nin exalta a sublevación militar, nin a Guerra Civil, nin a represión da ditadura de Francisco Franco".
A filla de Millán Astray engadiu que o motivo polo que se levantou a estatua foi homenaxear ao corpo que fundou o seu pai e, en ningún caso, exaltar ou honrar aos vencedores da Guerra Civil.
"A causa xurídica da estatua, levantada en 1970, foi exclusivamente a creación da Lexión, como consta na placa. Esta creación tivo lugar en 1920", argumenta a descendente de Millán Astray no texto do recurso de reposición, no que tamén lembra que a Lexión é un corpo en activo que participa en numerosas misións.
O recurso presentado por Peregrina Millán-Astray súmase a outro anterior presentado os representantes dos veteranos da Lexión, que organizaron ademais varias manifestacións na praza onde até hoxe estaba a estatua do fundador do corpo.
A filla de Millán Astray, ademais da permanencia da estatua, reclamaba que a praza manteña o nome do seu pai. LIGAZÓNS RELACIONADAS El País La Voz de Galicia La Opinión Coruña O Xornal de Galicia Vieiros.com El Correo Gallego La Región Público La Razón Kaosenlared.net Foro de la Guardia Civil Radio Coruña El Plural.com El quiosco.net lamemoriaviva.wordpress.com foroanime.com glovoz.com
|