20 Ago 2010 |
Os Franco gozan en Meirás mentres atrasan a súa apertura ao público
|
Os Franco gozan en Meirás mentres atrasan a súa apertura ao público Cultura mantivo dous encontros ata agora cos representantes de Carmen Franco, propietaria do pazo. ![]() Jaime Martínez Bordiú en Meirás. A Consellería de Cultura aprazará ata o mes que vén a xuntanza para negociar a apertura do pazo de Meirás cos representantes de Carmen Franco, a súa propietaria. O recinto, situado no municipio coruñés de Sada, debe ser aberto ao público catro días ao mes tras ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) baixo o anterior Goberno autonómico. Así, a Xunta do PP deixará para setembro a reunión coa filla do caudillo, desaproveitando que esta tempada “goza duns días de descanso no lugar xunto a outros familiares”, sinalou Ramón Rodríguez Ares, ex alcalde popular de Sada e amigo dos Franco. Ata o momento, o Goberno galego mantivo dous encontros “positivos” cos representantes legais da herdeira do inmoble. Aínda que fontes da Consellería de Cultura sinalaron que a Xunta “ten o obxectivo prioritario de conseguir a apertura de Meirás”, os feitos son que as portas do pazo continúan pechadas para os visitantes, cando o Goberno galego ten potestade para evitalo. Neste sentido, a Consellería de Cultura conta con varios autos favorables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalan a apertura ao público do recinto apelando ao “interese público”. Ademais, Carmen Franco perdeu todos os recursos xudiciais que presentou contra a declaración de BIC. A herdeira do ditador mesmo acudiu ante o Tribunal Supremo solicitando “medidas preventivas” polos gastos de seguridade e o “risco de atentados” que suporía a chegada de visitantes á antiga residencia de verán de Franco. Sen embargo, aínda que o Supremo non fixo público se acepta o recurso, iso non exime do cumprimento da lei. E o TSXG autorizou xa as visitas públicas á antiga residencia de Emilila Pardo bazán, reconvertida en icona do franquismo. O Goberno autonómico xustificou a vía do diálogo para “a elaboración dun calendario de visitas”, cando a Lei de Patrimonio de Galicia deixa ben claro que os bens declarados BIC abrirán ao público, polo menos, catro días ao mes. Ademais, fontes xurídicas consultadas por este periódico explicaron que é a Xunta quen debe dar o primeiro paso na redación do expediente para establecer ese calendario de visitas. Esta actitude valeulle á Xunta do PP duras críticas do PSdeG e do BNG por “incumprimento” da Lei de Memoria Histórica, e mesmo foi acusada polos nacionalistas de “conivencia” coa familia por “atrasar” a apertura. Sancións Nunha entrevista concedida a Xornal en outubro do ano pasado, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, aseguraba que a familia Franco tiña unha carta súa enriba da mesa na que lles comunicaba que debían abrir o pazo ou se procedería “a aplicar as sancións oportunas”. Sen embargo, case un ano despois a situación segue como estaba. Ademais, Varela adiantara nesa ocasión que a Xunta non asumiría os gastos que provocaría a apertura do edificio. Por outra banda, Roberto Varela asegurou ese mesmo mes que a apertura do recinto produciríase “en menos dun mes”. E, antes, en febreiro do ano pasado, o director xeral de Patrimonio, Jose Manuel Rey Pichel, manifestou a necesidade dunha “inminente apertura”. Así, mentres o expediente non avanza, os familiares de Franco gozan do verán no pazo. Onte, Jaime Martínez Bordiú, neto de Franco, paseábase en coche polos arredores de Meirás cunha acompañante nun descapotable vermello. Amosa a túa opinión sobre este artigo
|



















