10 Abr 2010 |
A Comisión pola Memoria sairá á rúa para apoiar a Baltasar Garzón
|
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d'A Coruña presentou os actos conmemorativos do Día da república na Casares Quiroga Ademais, recollerán firmas coa pretensión de respaldar o que está a facer Garzón e que ten que ver coa identificación de até 100.000 vítimas que aínda descansan hoxe nas cunetas. O presidente da CRMH, Manuel Monge, tildaba de escándalo mundial o feito de que aínda estean desaparecidas na actualidade tantas persoas cando en Arxentina ou en Chile, esta circunstancia ocuparía as primeiras planas dos xornais. Denunciaba tamén que son os mesmos que estiveron detrás dos crimes os que agora impiden que se faga xustiza como é o caso da Falanxe ou o colectivo Mans Limpas que, no seu momento, denunciou a Nunca Máis. Esta manifestación unirase ao programa oficial sobre o Día da república, que terá como acto central o nomeamento, o día 16 de abril, de Luísa Viqueira como republicana de honra, coa presenza, na casa museo Casares Quiroga, do seu fillo, Manuel Rodríguez. O recoñecemento rematará nunha cea, o 17, no hotel María Pita, para a que será preciso confirmar a asistencia no propio local ou ben chamando ao número de teléfono 645 02 93 38. Ademais, os comensais terán que facer un ingreso de 21 euros nunha conta bancaria. O colectivo celebrará tamén o centenario da república portuguesa, o 23 de abril, cunha conferencia dun representante político do país que aínda está por confirmar. Por outra parte, o Día da República será unha desculpa para facer un percorrido polo barrio de Monelos, cunha charla no seu centro cívico, o 29, en homenaxe á mestra Mercedes Romero e ao seu marido, Francisco Mazariego. Monge sinalaba que os que están facendo pescudas sobre quenes están enterrados na maior fosa galega, en Aranga, teñen grandes sospeitas de que un deles é o corpo da republicana. O representante do colectivo explicaba que alí están alomenos 25 cadaleitos e dúas son mulleres. A programación rematará o 11 de maio cunha presentación, no centro cívico de San Pedro de Visma, do documental “Mortos do Portiño”. Monge lembraba que será este mes cando se dará unha relación dos nomes dos desaparecidos en A Coruña.
|




















