¿PARA CANDO AS RÚAS PARA MULLERES? Nos dous últimos Plenos aprobáronse 14 rúas para homes e só unha para mulleres A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña considera vergonzoso que no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2009 sexan aprobadas 6 novas rúas para A Coruña e que non houbese nin unha dedicada a unha muller. No Pleno do 2 de novembro repítese a mesma actitude de marxinación da muller e só hai unha muller –se non chega a morrer a Condesa de Fenosa, non habería ningunha- dunha lista de 9 novas rúas.
Temos que lembrar á Corporación municipal que as mulleres constitúen hoxe máis da metade da poboación da Coruña e que hai moitísimas con méritos dabondo, o mesmo que os homes, para ter unha rúa da cidade.
A CRMH considera que o concello debería aplicar unha política de igualdade, tamén na designación de novas rúas, e que a partir de agora deberían dedicarse o mesmo número de rúas aos homes que ás mulleres. Para paliar no posíbel a desigualdade existente (os nomes de mulleres non chegan ao 5% do nomenclátor) o Pleno debería aprobar -como exemplo de aposta pola igualdade- dez nomes de rúas para mulleres.
A CRMH xa entregou a Carlos González Garcés, concelleiro que preside a Comisión Municipal de Honras e Distincións, unha proposta de 111 rúas para A Coruña , coas correspondentes biografías, na que se inclúen as seguintes mulleres (pode consultarse as súas biografías na nosa páxina web: www.memoriadacoruna.com):
Inés de Ben: defensora da cidade no ataque inglés de 1589.
Mercedes Romero Abella: mestra, violada, torturada e asasinada na Castellana (Aranga)
“La Corales” (Basilisa Álvarez González): da rede da apoio a fuxidos e represaliados
Elisa e Marcela: mestras, protagonistas dunha voda homosexual en 1901 .
Henriqueta Otero Blanco: mestra, coñecida como Pasionaria Galega; 19 anos no cárcere
Marciana Pimentel: loitou contra o fascismo no Batallón das Milicias Galegas.
Esperanza Rodríguez Gómez: campesiña, oficial da 4ª Compañía das Milicias Galegas.
María Miramontes Matos: modista de recoñecido prestixio.
Syra Alonso: vítima da represión, compañeira do asasinado pintor Francisco Miguel.
María del Amparo Alvajar López: escritora, tradutora e directora de teatro
Rosario Vizoso Serantes: dirixente da CNT da Fábrica de Tabacos
Consuelo Meitín Rodríguez: militante libertaria, condenada a doce anos de cárcere.
Consuelo Rabuñal Suárez: dirixente da UXT da Fábrica de Tabacos.
María Antonia Dans: pintora
María Valverde: cantante lírica, gran actriz de teatro e cinema en Francia.
María Luísa Nache: cantante de ópera.
María del Carmen Corredoira: pintora.
María Dolores Díaz Baliño: pintora.
Isabel Martínez-Barbeito y Morás: Arquiveira.
Maruja Mallo: pintora
Ofelia Nieto: cantante, unha das máis grandes sopranos do seu tempo
Luisa Villalta: escritora, música, profesora, cun forte compromiso coa cultura galega.
Ángeles Alvariño González: Oceanógrafa, destacada científica internacional.
Marie Curie: científica, a primeira persoa que recibiu dúas veces o Premio Nobel.
María Luz Morales Godó: xornalista, directora de La Vanguardia en 1936
Milagros Rey Hombre: foi a primeira arquitecta galega, autora da Torre dos Mestres.
Rigoberta Menchú: Premio Nobel da Paz en 1992
Elvira Bao Maceiras: mestra, Presidenta da Agrupación Republicana Feminina.
Amparo López Jean: republicana, da Executiva do Partido Galeguista en 1936.
María Wonenburg: matemática de prestixio internacional.
|