Os fíos soltos da memoria histórica Algúns dos municipios da comarca aínda conservan símbolos relacionados coa ditadura franquista, sobre todo placas e escudos 
Case dous anos despois da entrada en vigor da lei de memoria histórica aínda se poden ver símbolos de exaltación do franquismo en varios dos municipios da área metropolitana. Nalgúns casos a relación é evidente, como sucede coas placas das rúas e prazas; e noutros máis sutil, como ocorre co muro de pedra levantado en Pontedeume por presos políticos. O alcalde de Sada lamenta que o Estado non contribúa a sufragar os gastos que se derivan da supresión da simboloxía da ditadura
Placas co xugo e as frechas, escudos coa aguia real, prazas e rúas que levan a denominación de Generalísimo Franco e muros levantados por presos políticos son algúns dos símbolos e realidades do franquismo que aínda están presentes en varios dos concellos da área metropolitana.
Desidia por parte dos gobernos locais, carencia de fondos ou falta de acordos? O certo é que en Cambre, o cemiterio municipal aínda acolle un fornelo construído en homenaxe aos caídos, aínda que o Concello estuda cambiar a súa inscrición por outra en recordo a todos os falecidos na Guerra Civil, dun e outro bando. Betanzos aínda conserva unha placa de mármore co escudo da ditadura e o xugo e as frechas nun grupo de vivendas da rúa Emilio Romay e aínda que o cruceiro en homenaxe aos caídos foi trasladado no seu día ao camposanto, o Goberno local non estuda neste caso ningunha acción máis en relación co monumento.
En Pontedeume, o portavoz municipal do BNG, Manuel Rei, lembra que o muro de pedra da rúa Fene foi levantado polos presos políticos do cárcere eumés durante a ditadura, recluídos que cumprían así a súa condena a traballos forzados. Tamén se pode ver a placa cos símbolos franquistas nas coñecidas como vivendas de Ou Picho -urbanización Salgado Torres-, a pesar de que o Bloque solicitou a súa retirada no pleno a través dunha moción.
O Concello de Sada xa impulsou en 2003 un cambio na denominación das rúas, catro anos antes da entrada en vigor da lei de memoria histórica, pero aínda quedan pendentes escudos en fontes e lavadoiros, do mesmo xeito que en Arteixo, e o escudo coa aguia real preconstitucional que coroa o edificio da antiga Ayudantía de Mariña e que será substituído polo logotipo do Concello.
Na Laracha, o BNG iniciou fai unhas tres semanas unha campaña de recollida de firmas para obrigar ao Goberno local a cambiar o nome da praza do Concello, aínda denominada do Generalísimo Franco, e no mesmo municipio, en Caión, aínda pasean por cálea Almirante Carrero Branco.
|