A Coruña, 14 de abril de 2010.
Manifesto pola República
Un primaveral e prometedor 14 de abril de 1931 comezou a existir a II República española. No escaso tempo que durou realizáronse por primeira vez transformacións extraordinarias, que levaron á democratización e á modernización do Estado e das sociedades nacionais que o conforman. A tráxica guerra civil e a ditadura franquista xenocida encargáronse de impedir a súa continuidade e de frustrar todas as expectativas daquela existentes, orixinando un retroceso absoluto en canto ás liberdades cidadás, á cultura e ao benestar social, mergullándonos durante corenta anos nunha longa e deprimente “noite de pedra”, en palabras de Celso Emilio Ferreiro.
De todos os xeitos, a lembranza dos cambios políticos positivos experimentados entre abril de 1931 e xullo de 1936 mantívose en moitos sectores populares e intelectuais durante os duros anos de fascismo, agromando con máis forza entre a mocidade nos últimos estertores do réxime ditatorial e logo co desenvolvemento da transición. Os dereitos políticos da muller, a reforma escolar, a laicidade do Estado e os estatutos de autonomía foron algúns dos moitos logros conseguidos pola II República e polo republicanismo, e que despois serviron como paradigmas, ao se volver a implantar un sistema democrático. Trátase, pois, dunha celebración que debe unir a todos os demócratas auténticos, independentemente das súas ideoloxías concretas.
Calquera demócrata cabal tería que ser republicano, pois só o sistema republicano se constitúe na súa totalidade a partir da representación democrática. E nunha democracia verdadeira só hai cidadanía, porque non se distingue, como no antigo réxime, entre realeza e plebe. Nos tempos actuais a forma monárquica do Estado constitúe algo extemporáneo, un vestixio feudal, contraditorio cos ideais máis representativos desta época con pretensións democráticas e igualitarias. Na cuestión da representación popular non se pode ver de ningún xeito á monarquía como un modelo alternativo e equiparalo ao republicano en pureza democrática.
Democracia significa tamén a posibilidade de acceso á máis alta maxistratura estatal do fillo da máis humilde das familias dunha nación, sempre que conte coa necesaria preparación política, cos méritos e capacidades suficientes, e co voto popular. A democracia, alén diso, implica, como diría o filósofo holandés de posíbel orixe galega Spinoza, que todos somos iguais en canto que formamos parte da mesma substancia única. Non se entenden na sociedade actual privilexios como o da inviolabilidade, o de non estar suxeito a ningún tipo de responsabilidade polos actos que se realicen, o da reverencia -resto do carácter sagrado co que contaban os reis no pasado-, o da suntuosidade e o do boato cerimonial.
Alcanzar unha democracia plena vén constituíndo un ambicioso soño e unha constante tarefa para calquera sociedade madura. A democracia é unha bela utopía social que hai que manter e facer avanzar día a día. Nuns estados máis que noutros callou o ideal democrático. No presente aínda hai estados do mundo cunha democracia moi imperfecta por mor do mantemento neles da forma monárquica na xefatura do estado. Necesitamos saír do noso déficit democrático con máis reivindicación da memoria histórica, facendo xustiza aos represaliados polo franquismo -cuestionando o labor dalgunha organización política que tenta evitalo por medio de maxistrados que queren impedir que o xuíz Garzón cumpra co seu deber profesional-, con máis liberdades, republicanismo, cultura para o pobo e benestar social.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña este 14 de abril de 2010 quere saúdar especialmente ao pobo irmán de Portugal polo seu republicanismo maioritario e polo centenario da súa República, uníndose á súa alegría e celebración. Tambén desexa lembrar, como cada ano, a alguén que destacase en vida polo seu compromiso exemplar a prol da defensa das liberdades, da democracia e do republicanismo. Este ano 2010 a personaxe elixida pola nosa Asemblea de socios e sociais foi a coruñesa exiliada na República de México Luísa Viqueira Landa. Unha muller xenrosa e solidaria, que sufriu en persoa a ditadura franquista e loitou con todas as súas forzas contra ela, polas liberdades, polos dereitos humanos e pola ideoloxía republicana, defendendo, ademais, naqueles tempos difíciles a lingua e cultura galegas.
Sexa República galega, española ou universal, só a forma republicana, máis actual que nunca, garante unha coherencia democrática completa na representación da vontade popular. E os valores cívicos do republicanismo, derivados da Ilustración, confórmanse como necesarios para constituírmos unha sociedade autenticamente laica, igualitaria, xusta e democrática. Non podemos renunciar a ese tipo de sociedade, senón que, ao contario, temos que nos esforzar para vela feita realidade. Polo tanto, falar no presente sobre a República non pode ser só un tema da memoria histórica, senón un obxectivo para o porvir. Por iso, hoxe máis que nunca:
Viva a República!
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
|