23 Mar 2010 |
A republicana que fuxiu nun destrutor inglés
|
A republicana que fuxiu nun destrutor inglés A Comisión da Recuperación da Memoria Histórica coruñesa homenaxeará á bióloga Luisa Viqueira
Tras a morte do pai, a familia foise a vivir a Madrid. Luisa e os seus irmáns ingresaron na Institución Libre de Enseñanza e, en 1935, iniciou os seus estudos de bioloxía. Ao ano seguinte, a sublevación fascista sorprendeunos veranenando en Vixoi. Permaneceron acochados nove meses nas casas dos veciños ata que “contactaron cuns cuáqueros ingleses e conseguiron fuxir nun destrutor dese país”, explica Manuel Miragaia, profesor de filosofía membro da CRMH. A familia fuxiu a Francia. Un dos seus irmáns, Jacinto, decidiu volver a España para combater alistándose no exército republicano. Luisa tampouco se quedou cruzada de brazos. Presentouse voluntaria para acompañar un grupo de nenos á URSS. Na localidade rusa de Kaluga, traballou nun internado escolar. En 1939, cando recibe a noticia de que os republicanos perderan a guerra, decide viaxar a México coa súa familia. O país azteca admite a todos os exiliados que piden acollida, pero Luisa atópase con numerosos problemas para abandonar Rusia por problemas burocráticos. En México estoura por completo a vea reivindicativa de Luisa, moi vinculada ao galeguismo. Denuncia en numerosos mitins o réxime de terror implantado en Galicia e no Estado, é locutora do programa de radio en galego Hora de Galicia, traballa activamente co Partido Comunista Español (PCE), funda o Patronato da Cultura Galega e participa na creación da UPG, entre outras actividades. Pero todo cambia cando o seu marido, membro destacado do PCE, é asasinado dun tiro na cabeza. Luisa queda viúva e debe sacar adiante os seus tres fillos. Abandona a militancia comunista pero continúa vencellada ao galeguismo colaborando na edición da revista Vieiros, a voz do exilio. Regresou a Galicia por primeira e única vez en 1979. Despois de seis meses de estadía, a activista decidiu volver ao exilio mexicano. “Non podo volver onde a miña vida foi truncada”, asegurou daquela. Segundo os seus achegados, o desexo de Luisa, que anda delicada de saúde, é “pensar en Galicia cando abandone este mundo”. Manuel Rodríguez Viqueira, un dos seus fillos, recollerá na Coruña o próximo día 16 o merecido galardón. |



















