A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) -que vén de cumprir cinco anos desde a súa constitución en novembro de 2004- celebrou unha asemblea extraordinaria o 17 de decembro para proceder á elección da nova Xunta Directiva, que se fai cada dous anos.
Cunha asistencia de 36 socias e socios, a candidatura encabezada por Manuel Monge –foi a única presentada- tivo 35 votos e houbo un voto en branco. Xunto a Manuel Monge, que continúa como Presidente, forman parte da Xunta Directiva: Fernando Souto, como Secretario; Natalia San Vicente Pellicer, como Tesoureira; e como vocais: Rubén Afonso Lobato, Pilar Vázquez Rodríguez, Manuel Miragaia Doldán, Luz Marcos Buján, Manuel Pérez Lorenzo, María Teresa López Casás, Antón Santamarina Delgado, Mª Dolores Ares Torres.
No seu programa de actuación, a nova Xunta Directiva márcase como obxectivo chegar aos 200 socias/os no próximo ano (actualmente ten 142). Tamén sinala que continuará coa colaboración institucional, aberta e plural, independentemente da color política ou ideolóxica.
Outros obxectivos, recollidos en dito programa, son: potenciar a páxina web (www.memoriadacoruna.com), que xa tivo máis de 140.000 entradas desde os 22 meses de existencia; levantar un monumento ás vítimas do franquismo na comarca; continuar co traballo de recollida da memoria oral; campaña para a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público; traballo de investigación sobre a fosa de Aranga.
Manuel Monge subliñou nesa asemblea o apoio que tivo a CRMH de todos os medios de comunicación, que fai posíbel o coñecemento por toda a sociedade das actividades da CRMH para a recuperación da memoria histórica.
Moitas grazas pola atención que nos dispensades.
A Coruña, 22 de decembro de 2009
Asdo. Rubén Afonso Lobato, responsábel de Comunicación.