A CRMH esixe ao Alcalde da Coruña, a aplicación da Ley da Memoria Histórica e a eliminación da simboloxía franquista Sr. D. Javier Losada Alcalde da Coruña Prezado amigo:
Os tempos son chegados. Cumpríronse xa 18 meses desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica o 27 de decembro de 2007; cumpríronse tres meses e medio desde que o grupo de expertos tivese o 10 de marzo a súa última reunión, presentando un informe, aprobado por unanimidade, no que se propón a eliminación de 55 símbolos franquistas da nosa cidade (entres eles, 24 rúas).
Non hai ningunha xustificación para explicar o atraso na aplicación da citada Lei. A actitude do concello denota unha auténtica desidia e irresponsabilidade e constitúe unha ofensa a todas ás vítimas da represión franquista. Como sinala o manifesto que acompañamos, “Os tempos son chegados”, manter hoxe na Coruña as distincións honoríficas pola colaboración e servizos prestados á Ditadura; manter a simboloxía franquista “sería unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía -especialmente ás familias dos represaliados- que non pode permitir unha sociedade democrática”.
Este manifesto pide, entre outras cousas, que se cambie a rúa Calvo Sotelo, significado fascista, que foi acusado nas mesmas Cortes polo coruñés e presidente do Goberno, Santiago Casares Quiroga, como instigador do golpe militar contra o goberno lexítimo da II República. A recuperación para o barrio de Monte alto da rúa Liberdade, cuxo nome foi cambiado por Disciplinan no primeiro Pleno da corporación municipal fascista. Que se retire a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, concedida en plena represión, en decembro de 1968, polos servizos prestado á Ditadura. Que se retire o escudo franquista, que está na vidreira da entrada principal do palacio municipal de María Pita, e que é ilegal desde 1981.
A retirada de todos estes símbolos, Sr. Alcalde non é unha cuestión de tempo, senón de vontade política; de cambiar o rumbo e as decisión políticas que tomou o goberno municipal nos últimos anos.
O manifesto que acompañamos conta cun importante apoio social, de case 250 persoas. Entre elas, os seguintes historiadores e investigadores da memoria histórica: Dionisio Pereira, Carlos F. Velasco, Bernardo Máiz, Carmen Blanco, José Gómez Alén, Xoán Carlos Garrido, Aurora arco, Xesús Torres, Víctor M. Santidrián, Gonzalo Amoedo López, Guadalupe Martínez, Eliseo Fernández. Escritores e persoas relacionadas coa cultura: Manuel Rivas, Antón Reixa, Manuel Lourenzo Xurxo Lobato, Henrique Rabuñal, Xoán Abeleira, Xosé Val Díaz, Celso X. López Pazos, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Miragaia, María Pilar Martínez (Pilocha), A Quenlla, Xesús Abelardo Rábade Villar, Fernando Morán, José María Monterroso Devesa, Mercedes Queixas, Isabel Martínez Risco, Heidi Kühn Bode, Gonzalo Vázquez Pozo, Xosé Antón Bocixa Rei, Claudio Rodríguez Fer, Carme Couceiro Rivas, Xesús Díaz Filgueira, Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel, Francisco Pillado Maior, Miguel Anxo Fernán Vello.
É un orgullo para A Coruña, sr. Alcalde, que a nosa Torre de Hércules sexa declarada Patrimonio da Humanidade e é unha auténtica vergoña para A Coruña que sexamos a capital da simboloxía franquista.
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña consideramos que os tempos son chegados e que vostede debe tomar a iniciativa política para que sexa convocada a Comisión Municipal de Honras e Distincións para que emita o informe correspondente e o Pleno da corporación aprobe solemnemente a eliminación da simboloxía franquista.
Reciba un cordial saúdo.
A Coruña, 29 de xuño de 2009
Asdo. Manuel Monge González Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
|