27 Xu 2009 |
A CRMH da Coruña entregará o luns 29 de xuño do 2009 un escrito ao Alcalde da Coruña co manifesto "Os tempos son chegados"
|
A CRMH da Coruña entregará o luns 29 de xuño do 2009 un escrito ao Alcalde da Coruña co manifesto "Os tempos son chegados" e as listaxes de apoios para a eliminación da simboloxía franquista. Luns 29 de xuño ás 11 horas no rexistro municipal no pazo municipal de María Pita.Poucos días despois de que o grupo de expertos rematase o 10 de marzo o seu traballo, presentando un informe –aprobado por unanimidade dos seis expertos- para que se eliminen 55 símbolos franquistas da Coruña –entre eles, 24 rúas-, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge, enviaba o 16 de marzo un escrito ao Alcalde da Coruña, Javier Losada, onde, ademais de presentar os votos particulares, invitaba ao Alcalde a convocar a Comisión Municipal de Honras e Distincións, que é quen debe aprobar un Ditame para a súa presentación ao Pleno da corporación; dicía, daquela: “Espero poder explicar e defender eses votos particulares na próxima reunión da citada Comisión Municipal, atendendo ao acordo do Pleno de outubro de 2008, que sinala o procedemento a seguir: O voto sería ponderado en función da representación dos tres grupos municipais, tal e como está previsto no funcionamento da Comisión. Os expertos actuarían con voz e sen voto e con dereito a que as súas posicións consten no informe final”. No escrito que agora será entregado ao alcalde, Manuel Monge vai lembrarlle que a Lei da Memoria Histórica está en vigor desde do 27 de decembro de 2007, é dicir desde fai 18 meses, e que xa pasaron tres meses e medio desde que o grupo de expertos remataran o seu traballo. Para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña a actitude do concello denota unha auténtica desidia e irresponsabilidade, retrasando, sen xustificación algunha, a aplicación dunha Lei que permitiría á nosa cidade abandonar o título vergoñento de capital da simboloxía franquista. Moitas grazas pola vosa atención. A Coruña, 27 de xuño de 2009. Rubén Afonso Lobato, responsable de Comunicación.
|


















