A CRMH da Coruña apoia ao Xuíz Garzón O Estado debe defenderse das organizacións que só pretenden desestabilizar o sistema democrático
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña estamos convencidos de que a querela por suposta prevaricación contra o xuíz Baltasar Garzón, presentada por Mans Limpas, quedará sobreseída porque carece do máis mínimo fundamento xurídico e non ten outro obxectivo que deslexitimar a Lei da Memoria Histórica.
Esta querela é un ataque ás vítimas do franquismo -un intento de frear o seu recoñecemento social- e un ataque á investigación que iniciou o xuíz Garzón para coñecer a verdade sobre a represión e crimes contra a humanidade da Ditadura franquista. Man Limpas non é un sindicato; é unha organización dirixida por unhas persoas cunha acreditada traxectoria fascista; o seu secretario xeral, Miguel Bernard Remon, foi vicepresidente de Fuerza Nueva, pasando despois a militar en diversas organizacións de ultra dereita –como Frente Nacional e Derecha Española- que non teñen outro obxectivo que propagar a ideoloxía fascista.
O xuíz Garzón non é o único obxectivo, aínda que recibiu xa 20 denuncias; presentaron tamén denuncias contra Nunca Máis, en xaneiro de 2003, contra Jordi Pujol, o tripartito catalán, Juan José Ibarretxe, militares e gardas civís homosexuais...
Un Estado democrático non pode permitir que na decisión para admitir a trámite esta querela, participe Adolfo Prego, maxistrado do Tribunal Supremo, estreitamente vinculado a Mans Limpas. Este maxistrado, que foi vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial por designación do PP, é patrón maior da Fundación para a Defensa da Nación Española (DENAES), cuxo fundador é Santiago Abascal Conde, dirixente do PP.
Tanto Mans Limpas como DENAES participaron en numerosas actividades, xuntamente co PP, como a manifestación en febreiro de 2006 contra o Goberno do PSOE, en setembro de 2008 contra a “imposición lingüística” do catalán nas escolas, etc. Manifestaron tamén a súa oposición radical á Lei da Memoria Histórica e asinaron un manifesto, onde cualificaban a citada Lei como “perversión ética e legal”.
O Estado debe utilizar todos os medios ao seu alcance para deixar fóra da lei a todas as organizacións que non teñen outro obxectivo que difundir a ideoloxía fascista e acabar coa democracia. A existencia de Mans Limpas é unha vergoña para un Estado democrático, que debe prohibir, por lei, a apoloxía do fascismo.
Moitas grazas pola difusión deste comunicado.
Un cordial saúdo.
Asdo. Rubén Afonso Lobato , responsable de Comunicación. Tfno. 645029338
|