21 Dec 2008 |
Congreso da Guerrilla Antifranquista Galega
|
Congreso da Guerrilla Antifranquista Galega 15, 16 e 17 de xaneiro de 2009 Paraninfo da Universidade da Coruña. Organiza a CRMH da Coruña http://congresoguerrilla.memoriadacoruna.com A participación de significados historiadores, coa presentación de 20 ponencias, fai que este Congreso sexa o máis importante dos celebrados ata agora para analizar o que representou a resistencia galega contra a Ditadura franquista, no eido armado, político, sindical e cultural. Coa celebración deste Congreso, que terá lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza, queremos tamén lembrar, recoñecer e homenaxear o esforzo e o padecemento de milleiros de galegos e galegas na resistencia contra a Ditadura. A conferencia de apertura correrá a cargo de Harmut Heine e a de clausura será impartida por Secundino Serrano. Ademais das ponencias, haberá a proxección de película A illa de Chelo e as actuacións musicais de Miro Casabella, Xosé Taboada/Eva Otero e o grupo A Quenlla. Este Congreso que organiza a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ten un comité científico formado polos historiadores Bernardo Máiz, Emilio Grandio e Eliseo Fernández. Conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Ministerio da Presidencia, Deputación da Coruña, Universidade da Coruña e concellarías de Cultura e Normalización Lingüística do concello da Coruña. A asistencia é gratuíta e están solicitados créditos por un total de 19 horas. Máis información no teléfono 645029338. No centenario do nacemento de Benigno Andrade García “Foucellas”, queremos recuperar un anaco da nosa historia recente. No ano 1936, Galiza caía nos primeiros días diante dos militares golpistas e comezaba unha fortísima represión; mais naqueles días comezaba tamén un movemento de resistencia contra a Ditadura, que se alongaría por tres décadas Este Congreso da Guerrilla será un punto de encontro no que os investigadores poidan aportar os seus traballos sobre a resistencia galega ao franquismo dende distintos puntos de vista. Recuperar a memoria de moitos protagonistas anónimos daqueles feitos, achegar a historia da aportación galega á resistencia antifranquista fóra da Galiza, lembrar as repercusións sociais, políticas e mesmo económicas do feito guerrilleiro.
Rubén Afonso Lobato, responsable de Comunicación.
|


















