Sr. Alcalde da Coruña
O tema da recuperación da memoria histórica, o recoñecemento das persoas represaliadas durante ditadura e a supresión da simboloxía franquista non son temas novos para a corporación municipal da Coruña. Nos últimos tres anos ata en vinte e seis ocasións chegaron estes temas ao Pleno da corporación. En dez ocasións foi solicitada a supresión da simboloxía franquista e en cinco ocasións votáronse mocións para a retirada a Franco dos títulos honoríficos de Fillo Adoptivo e Predilectísimo e Alcalde Honorario, que non puideron debaterse e aprobarse porque non contaron co apoio dos grupos municipais do PSOE e PP, a última no Pleno de 2 de abril de 2007, nun escrito dirixido a todos os grupos municipais, apoiado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, CIG, CCOO, CGT, CNT, Foro da Memoria, Fundación 10 de Marzo, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e Agrupación Cultural O Facho.
Estamos, xa que logo, ante unha clara falta de vontade política por parte do Goberno municipal durante estes anos, que partía dun razoamento previo que, para a CRMH da Coruña, é totalmente indigno e inxusto; tratábase de conciliar o recoñecemento público a fascistas, ditadores e sublevados contra un réxime constitucional, co recoñecemento a persoas que loitaron en defensa da democracia e da liberdade. Como resultado desa lamentábel política, permanecen e conviven rúas que honran a criminais e verdugos, con outras das súas propias vítimas.
Por outra parte, rexeitábase sistematicamente a retirada da simboloxía franquista, negando a evidencia; así, o alcalde Vázquez declaraba: “En esta ciudad no hay símbolos franquistas, sino que hay símbolos históricos”. Esta actitude do Goberno municipal foi acompañada dunha negativa a cumprir a lexislación vixente; así, a entrada principal ao palacio municipal de María Pita é presidida por un escudo franquista, que é ilegal desde 1981. Ante esta evidente falta de respecto ás leis, esta CRMH tivo que dirixirse ao propio Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, demandando a súa intervención, así como ao Valedor do Pobo de Galicia.
Na nosa cidade perviven monumentos como o de Millán Astray ou a placa de homenaxe a Cánovas Lacruz –militar que estaba ao fronte dos militares sublevados, que se levantaron en armas na nosa cidade en 1936 contra o réxime constitucional- que son pezas únicas en toda España. Isto motiva que cando os medios de comunicación abordan estes temas falen da Coruña como a capital da simboloxía franquista. Os tempos son chegados, é hora de acabar con esta vergoña e recuperar a dignidade.
Desde a CRMH da Coruña consideramos que non se debe retrasar máis a toma de decisións, nin facelo fraccionadamente porque alongaría innecesariamente a solución do problema. O Goberno municipal debería manifestar a súa vontade política concretada na aprobación dunha moción polo Pleno da corporación. Esta CRMH ofrécese ao concello para proporcionar a axuda técnica para executar dito acordo, así como a información necesaria sobre os miles de concellos de Galicia e de toda España que xa retiraron as súas rúas franquistas e os títulos honoríficos ao ditador Franco, como fixeron nos últimos meses os concellos de Girona, Lleida, Sabiñánigo, Avilés, Sada.... Non se pode xustificar o retraso na actuación falando de evitar “molestias aos veciños”, ignorando que na rúa “Disciplina”, antes “Liberdade”, por exemplo, viven 10 veciños e que cando o Goberno municipal de Madrid decide cambiar o nome da avenida do Generalísimo polo paseo da Castellana, había miles de persoas, empresas e comercios afectados. Por outra parte, pensamos que a retirada da simboloxía franquista non debe facerse de forma clandestina e vergoñenta, senón a plena luz do día, con luz e taquígrafos, previa aprobación solemne polo Pleno da corporación.
Esta CRMH comparte as palabras pronunciadas polo concelleiro de Fene –hoxe alcalde- Iván Puentes Rivera, no Pleno da Corporación de 23 de decembro de 2006, presidido por Xosé María Rivera Arnoso, no que se condenaba o golpe de Estado de 1936 e revocaba o acordo plenario que nomeaba a Franco Alcalde Honorario do concello de Fene: “ Recordar, recuperar a nosa memoria histórica, non é revisar ou reescribir a historia, non é falar de vencedores nin vencidos, nin sequera de bos e malos; non é tampouco axustar contas, nin buscar ningún tipo de revanchismo, nin abrir vellas feridas. Recuperar a nosa memoria é introducir na historia a unha parte da nosa sociedade, que foi deixada fóra dela, e dignificar o labor de veciños e veciñas que traballaron por todos nós; é abandonar os nosos medos e os nosos complexos e sentirnos orgullosos do noso pasado.
Hai quen defende a permanencia destas distincións apelando a que é historia. Efectivamente, e afortunadamente, Franco é historia, e a historia está para ser coñecida e, no caso de historias negras como a da ditadura franquista, está para non ser repetida. Pero as distinción oficiais dunha institución como o concello de Fene están para dignificar, para agradecer e para recoñecer publicamente o labor de persoas que traballaron en positivo por este pobo e polos seus veciños. Algo que desde logo no fixo o ditador Francisco Franco, responsable do asasinato, persecución e tortura de centos de feneses e fenesas. Polo tanto, resulta humillante e, se se me permite, ata insultante para calquera cidadán minimamente comprometido cos valores de liberdade e democracia, ter como máximo mandatario, aínda que sexa a título honorario, a un ditador como Franco”.
Presentamos esta proposta de Moción –a vostede, Sr. Alcalde, e a todos os grupos municipais- para que sexa debatida e aprobada polo Pleno da corporación da Coruña:
MOCIÓN sobre a recuperación da memoria histórica, recoñecemento ás vítimas da ditadura, a retirada da simboloxía franquista e dos títulos honoríficos ao ditador Franco. Exposición de motivos (os contidos son copia literal da Lei da Memoria Histórica)
O 27 de decembro de 2007 o Boletín Oficial do Estado publicaba a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei da Memoria Histórica.
Os tempos son chegados. É hora de que o concello da Coruña acompase as súas actuacións co espírito e a letra da citada lei. En primeiro lugar, e como recolle esta lei, cunha condena expresa do franquismo e das graves violacións de Dereitos Humanos cometidas en España entre 1939 e 1975. En segundo lugar, honrando a memoria de todos os que sufriron inxustizas e agravios por motivos políticos ou ideolóxicos, perderon a vida ou a súa liberdade, padeceron prisión, deportación, confiscación dos seus bens, traballos forzosos, internamento en campos de concentración, ou tiveron que exiliarse. En terceiro lugar, levando a cabo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fomento da memoria democrática. En cuarto lugar, retirando os escudos, insignias, placas e outros obxectos e mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.
Con estas actuacións o concello da Coruña quere contribuír a pechar feridas, aínda abertas, da cidadanía que sufriu, directamente ou na persoa dos seus familiares, as consecuencias da traxedia da Guerra Civil ou da represión da Ditadura. Así, non só resulta recoñecida e honrada esta cidadanía, senón tamén a Democracia no seu conxunto. Todo isto co obxectivo de fomentar os valores e principios democráticos, facilitando o coñecemento dos feitos e circunstancias acaecidos durante a Guerra Civil e a Ditadura.
Por todos este motivos, sometemos á consideración do Pleno da corporación municipal a seguinte proposta de
ACORDO
1.Facer unha condena do franquismo, así como das graves violacións de Dereitos Humanos cometidas en España entre os anos 1939 e 1975. 2.Honrar a memoria das persoas que loitaron pola defensa dos valores democráticos, falecidas a consecuencia da Guerra Civil de 1936-1939 e da represión política que a seguiu.
3.Revogar o acordo municipal de 10 de outubro de 1936, que declaraba ao ditador Francisco Franco Bahamonde “Fillo adoptivo e predilectísimo da Coruña”. Revogar o acordo de 23 de xuño de 1939 que declaraba a Franco “Alcalde Honorario”. Revogar o acordo municipal de 5 de novembro de 1943 que nomeaba a Juan Canalejo Castells “Fillo Predilecto”.
4.Retirar a estatua de Millán Astray no prazo de seis meses.
5.Proceder no prazo de seis meses á retirada da simboloxía franquista do palacio municipal de María Pita: o escudo da ditadura, situado na vidreira da escaleira principal, que é ilegal desde 1981; a placa que lembra a inauguración desta escaleira por Franco e o baixorrelevo de madeira do Salón de Pleno no que aparece Franco de requeté, rodeado de fascistas e da Garda Moura.
6.Retirar a placa de “Cantón de José Antonio”, que hoxe é, oficialmente, “Cantón Pequeno”.
7.Suprimir as seguintes rúas: avenida e praza dos Caídos, División Azul, Alférez Provisional, Sarxento Provisional.
8.Constituír no prazo de seis meses o Consello Coruñés da Memoria, que tería entre os seus obxectivos: fomentar os valores e principios democráticos, promover o coñecemento e reflexión sobre o noso pasado, para evitar que se repitan situacións de intolerancia e violación de dereitos humanos, e preservar os documentos relacionados con ese período histórico. Dito Consello –aberto á participación de todos os grupos municipais, entidades e persoas que traballan pola recuperación da memoria histórica- elaborará, no prazo de seis meses desde a súa constitución, unha relación de rúas con denominacións franquistas ou que homenaxean aos vencedores, para a súa substitución por outras democráticas, solicitando, se fose preciso, a colaboración do Goberno, tal e como recolle o artigo 15.3 da Lei da Memoria Histórica.
9.Facer xestións diante dos ministerios de Defensa e de Fomento para a retirada da placa situada nun lateral do palacio de Capitanía, que homenaxea a Cánovas Lacruz, militar ao fronte da guarnición militar da cidade, que se levantou en armas contra o réxime constitucional da República; e para que se retiren os escudos da Ditadura das fachadas do cuartel de Atocha, Comandancia de Marina, Aduana e Correos.
10.Facer xestións ante a Xunta de Galicia e os distintos ministerios par que sexan cambiados o nome do Hospital Juan Canalejo -foi o fundador da Falanxe da Coruña, organización fascista que estivo ao fronte de numerosos crimes contra os demócratas e republicanos- así como os nomes relacionados co franquismo doutros servizos, entidades ou organismos públicos.
A Coruña, 31 de xaneiro de 2008
Asdo. Manuel Monge Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña Olmos 16-18, 1º 15003 A Coruña
|