Celebracións do día da República 2013

 

Entrevista no Rectorado. Homenaxe ás vítimas da represión franquista. Cea da República. Un día moi intenso para Elvirita Varela Bao, un día moi intenso para o republicanismo coruñés.

Foto de Elvira Varela Bao, Republicana de Honra 2013, rodeada polos seus antigos alumnos, hoxe xa persoas adultas, que asistiron ao seu homenaxe.

O día prometía. A intensidade da xornada, chea de actos reivindicativos e de homenaxe á causa republicana ben merecía que fora considerado como o primeiro día da primavera coruñesa. E así foi, o tempo metereolóxico acompañou, e ata puidemos disfrutar do sol de abril, un  sol tan bonito e que traía tanta ilusión como o sol que trouxo á vida deste país o 14 de abril de 1931, data da proclamación da segunda República.

De esquerda a dereita: Manolo Pazos, Maite Martínez (da directiva da CRMH), Elvirita Varela Bao, Xosé Luis Armesto (Rector da UDC), Fernando Souto (presidente da CRMH), Tonecho e Ramón Isasi (ex alumnos de Elvirita).

 

Os actos comezaron ben cedo. Ás 10.30 h. da mañán, Elvirita Varela Bao, Republicana de honra deste ano 2013, foi recibida -como non podía ser menos- cun carácter institucional polo Reitor da Universidade da Coruña no seu despacho particular, Sr. Xosé Luis Armesto. Alí, acompañados cun café reparador, departiron tanto o Reitor, como Elvirita Varela -nunha conversa completa entre dous colegas de profesión, de mestre a mestra-, coa presenza de Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Intercambiando pareceres, inquietudes, opinións dun xeito moi cortés, durante un bó tempo conversando amablemente, tanto a mestra nomeada Republicana de Honra, como o máximo responsable da docencia universitaria coruñesa.

 

O día avanzaba, e chegou o serán. E, contra as 19'30 h., unha morea de xente foi achegándose ao Memorial de homenaxe ás vítimas do franquismo, situado na Avenida de Navarra da cidade da Coruña. Alí celebrouse o habitual acto de ofrenda floral e homenaxe ás vítimas do franquismo, previo á celebración da cea da República. Máis dun cento de persoas asistiron a este acto, onde Elvira Varela Bao pronunciou unhas verbas de agradecemento e de saúdo ás persoas presentes, para, de seguido, procederse a repartir caraveis entre a asistencia, para así levar a cabo a ofrenda floral. Unha bandeira cos cores da República foi formada coas flores alí depositadas, no pe do menhir central do Memorial ás vítimas do franquismo.

 

Discurso de Elvira Varela Bao na ofrenda floral ás vítmas do franquismo, no Memorial dedicado a elas.

 

O día ía rematando, e chegaba a noite. Chegaba a celebración por excelencia do republicanismo coruñés: a  tradicional Cea da República. E foi no hotel Meliá María Pita onde asistimos á celebración da República máis numerosa dos últimos anos. Bó sinal, pensou moita xente, parece que o sentimento republicano medra cada día máis. Pois foron máis de 150 persoas as que asistiron a esa cea da República, entre elas, unha nutrida representación do alumnado de Elvira Varela Souto, dos seus tempos de mestra no barrio de San Roque de Fóra.

 

 

Fotos do alumnado de Elvira Varela Bao, do curso 1949/50, rodeando á súa mestra.

Nos postres, empezou o ritual da entrega da distinción de Republicana de Honra a Elvirita Varela Bao. Primeiro foi Maite Martínez, membra da directiva e do grupo de comunicación da CRMH, quen fixo unha intervención  sobre os sentimentos que ela apreciaba nos feitos violentos por parte de determinadas institucións coruñesas, o cal facíalle evocar con tristura os feitos acaecidos en xullo de 1936. E logo dun sentido discurso do presidente da CRMH da Coruña, Fernando Souto, no que exaltaba a figura de Elvirita como un exemplo de loita por non esquecer o pasado, para así conquistar o futuro, fíxoselle entrega a Elvira Varela Bao dun agasallo, consistente nunha escultura do artista coruñes Pepe Galán, ademáis dun documento acreditativo da distinción de Republicana de Honra deste ano 2013. Elvirita contestou, na  súa quenda de réplica, agradecendo a devandita distinción, ademáis de ter o humor -o marabilloso bó humor que sempre a caracterizou-, de cantar algunhas cancións da época da segunda República, para o disfrute e admiración de tódalas persoas asistentes ao acto.

O ambiente festivo estivo moi presente a partir dese momento, e, para que a festa non decaíra, foron os nosos  colaboradores e amigos Xurxo Souto e Moncho do Orzán, quen se encargaron de poñer un precioso broche á noite, cantando preciosas repichocas dedicadas a Elvira Varela Souto, Republicana de Honra de 2013. Soaba o acordeón, soaba a gaita, preciosas melodías que acreditaron que a loita pola República tamén ten que ter alegría no seu devir.

 

 

 

 

 

 

Usted está aquí: Home Uncategorised Celebracións do día da República 2013

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

r/ Olmos 16 - 18 1º - 15003 A Coruña

T. 981 200869

Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.

Newsletter

Subcribe

Poemas da memoria