Discurso de homenaxe aos labregos represaliados do Porriño Por Ángel Rodríguez Gallardo, presidente da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas Gustariamos de compartir convosco a importancia histórica, moral, emocional e xurídica deste sinxelo acto.
Foron impunemente asasinados hai setenta e tres anos e enterrados aquí no adro da igrexa de Areas, ás agachadas, no silencio escuro da noite. A súa historia era un relato sen final, sen duelo. Un relato cheo da desmemoria e da dor de sete décadas.
Sabiamos que eran labregos, cinco labregos: Saturnino Vila Quiroga, Serafín Rodríguez Alonso, Manuel Pérez Vila, José Ramírez Vila e José Rodríguez Carrera.
Sabiamos que eran labregos que facían parte desa República de traballadores e traballadoras que crían unha sociedade aberta, libre e xusta.
Sabemos por fin que ese relato ten un final. Sabemos que estes cinco labregos volven a casa, ao Porriño.
Agora que chega o día da última viaxe, agora que están a piques de marchar de Areas, entregamos a Saturnino Vila Quiroga, Serafín Rodríguez Alonso, Manuel Pérez Vila, José Ramírez Vila e José Rodríguez Carrera, aos seus familiares.
Lixeiros de equipaxe, case nus, como os fillos da nosa terra, parten finalmente para O Porriño. Que a terra galega, agora si, lles sexa leve.
|