31 Ago 2010 |
Os Borbón e os López.
|
Os Borbón e os López.
Profeso un profundo respecto á Familia Borbón, do mesmo xeito que o sinto polos meus veciños, a Familia López. Papá López traballa como vixiante xurado, un posto que conseguiu tras un duro proceso de selección e co que a duras penas pode chegar a fin de mes, pois a hipoteca leva case todo o seu exiguo soldo. A muller de López, con tres fillos que ten, pásase dezaoito horas ao día dedicada aos seus deberes como nai e ás tarefas domésticas. Os fillos de López e esposa esfórzanse canto poden no colexio e confían en que en cando chegue o momento, os seus pais poidan sufragarlles unha carreira, xa que lles gusta estudar e demostraron que valen para iso. Papá Borbón non obtivo o seu traballo por oposición, viña incluído no seu apelido; tampouco paga unha letra pola casa que habita e na que caberían duascentas como a dos López. A muller de Borbón dispón de toda unha cohorte de servidores que realizan por ela as faenas do fogar. Os fillos de Borbón puideron estudar todo o que quixeron sen preocuparse polos gastos que iso implicaba, e acumularon carreiras ao mesmo ritmo que os López débedas. A Papá López pódenlle botar do traballo calquera día, o de Papá Borbón é vitalicio. Unha vez entraron a roubar en casa dos López que nunca puideron comprarse unha alarma, a dos Borbón está vixiada día e noite. Os López, se cometen calquera infracción, serán sancionados segundo a Lei, Os Borbón posúen inmunidade. Hai xente que fala mal dos López, a crítica aos Borbón é tema tabú. Os López nunca terán iate, nin residencia estival de luxo, aos López xamais lles pagarán as viaxes, nin Papá López voará en avión privado con cargo ao orzamento público para cazar osos en Rusia, nin falta que lle fai, pois non é partidario de tan rexia diversión, e igual que non goza contemplando a agonía dun touro, como Papá Borbón, tampouco o fai matando animais. Bastante ten co seu sufrimento como para sentir pracer co doutro. Pero talvez, só talvez, chegará un día no que Os Borbón deixen de vivir á conta dos López. E para que iso ocorra, é fundamental que todos os López do país asuman a súa condición de lacayos de obrigado mecenado aos Borbón.
|












