11 Dec 2011 |
«A nós gústanos falar de futuro»
|
«A nós gústanos falar de futuro» Di que lle parecería un gran logro que a cidadanía recupere o pazo de Meirás ![]() A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa ten un novo presidente, Fernando Souto Suárez (A Coruña, 1966), tras a marcha de Manuel Monge. Levouno a esta entidade a súa propia historia, xa que é dunha familia represaliada polos seus lazos coa CNT, e tamén a busca que comezou sobre a historia do seu pai, José Souto Souto, que no 36 tiña 20 anos e loitou para a República. -¿Que queda por facer na comisión?O que se pretende é dar saída ao compromiso da comisión de recuperar a memoria histórica con actividades que buscan o máximo consenso social, a divulgación dentro da rigorosidade e a metodoloxía científica. Nós miramos ao pasado, pero a nós gústanos falar de futuro. Interésanos o modelo social que queremos. -¿E cal sería?-Está fundamentado na Constitución española, un modelo de democracia, tolerancia, de liberdade, de igualdade e solidariedade entre persoas. Son uns fundamentos do pasado que queremos recuperar. E desbotamos eses cualificativos que falan da memoria como lugar de desencontros ou odios, porque non o percibimos agás de persoas que non forman parte da Memoria Histórica. -¿Que hai aínda que sacar a luz?-Existen anacrónicos fóra do tempo actual como son as exaltacións de conceptos antidemocráticos que existen no rueiro e temos propiedades da familia Franco que deben ser recuperadas para o patrimonio público, como é o caso do pazo de Meirás. O pazo de Meirás é a punta dun iceberg. O que pretendemos é que esa propiedade que foi adquirida dunha forma perfectamente testada polos investigadores, unha doazón en tempo de guerra e pouco crible, queremos que reverta en quen a pagou. Se todo o mundo está de acordo en que o pobo coruñés pagou o pazo de Meirás, por que non é o propietario. Ata o de agora quen pagaba era quen mandaba. Pareceríanos un gran logro se a sociedade recupera o pazo de Meirás para o patrimonio público. -¿Cree que a chegada do PP pode dificultar o seu labor?-O PP ten moitas caras. Nos temos colaborado activamente con membros do PP, habería que falar de persoas ou actitudes dentro do PP. Eu non coñezo con detalle cal é o programa do PP, nin eu, nin ninguén. Non sei cal é a súa postura fronte á memoria histórica, coñezo as declaracións do alcalde da Coruña. Non creo que el considere a Millán Astray como merecedor de ser imitado polas xeracións futuras, como di o regulamento de honras e distincións. Sería interesante que aclarase que é o que temos que imitar de Millán Astray, cales son os seus actos meritorios. Non entendo que diga o de coruñés de pro, nin se se refire aos seus actos no 36 ou á frase «Viva la muerte, abajo la inteligencia». Comparto co alcalde que temos que falar de futuro e do modelo social que queremos sen esquecer o pasado. Nós non facemos a historia, pero si recollemos a historia. -¿Pensa que poden perder peso co cambio institucional?-A nosa posición é de colaboración con todas as institucións, son parte da cidadanía, mentres que os dirixentes políticos son postos polos votos. Nós continuaremos coa actitude de colaboración institucional, a nosa asociación e apartidista. -¿Teme que o paso do tempo faga máis frouxas as reivindicacións?-Queremos dar a coñecer a parte da historia que reivindicamos. Ese período é un pasado non ausente, como diría Dionisio Pereira, ciclicamente volve a nós. Só hai que ver a cantidade de literatura que ten este período. Nós o que pretendemos e manter unha visión aberta e plural sobre este período que nos foi furtado durante tanto tempo, esquecido pola actitude do réxime. E a historia aberta dun período complicado e difícil que forma parte do noso carácter, das nosas referencias: o pasado forma parte do futuro. -¿Os vindeiros actos?-Está pendente unha publicación sobre a guerrilla, e tamén o proxecto das semblanzas, coas vítimas de toda a comarca, xa acabado. Temos proxectos moi ambiciosos, como A pegada dos avós, un documental sobre a visión que as novas xeracións teñen da memoria. Fernando Souto presidente da CRMH |














