17 Xu 2011 |
Un libro sobre a fosa do cemiterio de Aranga
|
Un libro sobre a fosa do cemiterio de Aranga ![]() Un libro sobre a fosa do cemiterio de Aranga A Casa Casares Quiroga acolleu onte a presentación do libro A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga), realizado polos historiadores Emilio Grandío e Eliseo Fernández A obra recolle información sobre a fosa, na que se localizaron 29 corpos, dos que só 11 foron identificados. Á presentación tamén acudiu o escultor Xosé Val Díaz, encargado de elaborar o monumento en recordo das vítimas que se inaugurará o sábado no campo dá festa de Aranga, xunto ao Concello. Este venres pola mañá quedou instalado o monumento no Campo da Festa de Aranga, xunto á Casa do Concello e o río Mandeo, que será inaugurado o sábado, 18 de xuño, ás 20,30 horas. O monumento, que é posible pola subvención do ministerio da Presidencia, ten cinco toneladas de peso e forma de prisma triangular; é obra do escultor Xosé Val Díaz “Valdi” e leva o poema “Aos Mártires” de Salvador García-Bodaño. Na inauguración haberá unha intervención do presidente da CRMH da Coruña, Manuel Monge, e do historiador Emilio Grandío, que vén de publicar con Eliseo Fernández o libro “A fosa de cemiterio de Vilarraso (Aranga)”. Claudio Rodríguez Fer lerá o seu poema “A derradeira lección da mestra”, dedicado á mestra de Monelos Mercedes Romero Abella. Lectura do poema inédito de Manuel Rivas “A boca da terra”, aos mártires da liberdade, nas foxas comúns de Aranga, que deixou o escritor á CRMH antes de saír de viaxe (adxuntamos o texto). A partir das 21 horas haberá un festival, nunha carpa, coas actuacións musicais de A Quenlla, Os tres Trebóns, Zënzar, con servizo de churrasco, polbo, bebida e posibilidade de acampada. Haberá un servizo gratuito de autobús, que sairá o sábado ás 5 da tarde do aparcamento da Torre de Hércules, pasará ás 17,15 por San Pedro de Mezonzo, 17,45 na Terraza de Sada e 18,15 horas na praza de Betanzos. O autobús regresará despois de finalizar o festival. Para reservar praza hai que chamar ao teléfono: 645029338. Previamente, ás 7 da tarde do sábado colocaremos unha placa na fosa de Santa Mariña (Guitiriz), situada no cemiterio desa parroquia. Haberá unha intervención do crego Alfonso Blanco, párroco de Santa Mariña, que está a participar no grupo de traballo. A CRMH quere agradecer á corporación municipal de Aranga o apoio unánime para a instalación deste monumento, que aprobaron no Pleno do 25 de abril. Esperamos que sirva de exemplo para todos os concellos galegos. |














